O alcalde do Concello de Rois, Ramón Tojo Lens, recibiu o martes 27 de setembro ao delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e ao xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Indalecio Cabana, no CPI Plurilingüe dos Dices, para amosarlles de primeira man as ambiciosas obras de renovación do colexio que se levaron a cabo cun investimento de 440.000 euros.
Na visita o representante do Goberno galego puxo en valor a importancia do investimento realizado no centro e aproveitou para anunciar o desenvolvemento do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que persegue novos modelos de escolas poscovid. Segundo avanzou Trenor, a día de hoxe a Xunta de Galicia ten comprometidos na comarca de Santiago uns 7,1 millóns de euros en grandes obras en 19 centros educativos nos concellos de Ames, Boqueixón, Dodro, Frades, Ordes, Negreira, Padrón, Rois, Santiago, Tordoia, Touro, Trazo e Val do Dubra. Estas actuacións atópanse en distintas fases: rematadas, en execución, en licitación ou para próxima licitación este ano.
A meirande parte destas obras son rehabilitacións integrais e enerxéticas e melloras sectoriais coa fin de mellorar a eficiencia dos centros educativos, pero hai tamén obras de menor envergadura que consisten principalmente en reformas e adaptacións en diferentes zonas dos centros (como aseos e comedores), ampliacións de aulas, melloras de accesibilidade, actuacións nos peches dos recintos, así como traballos de modernización e para mellorar o confort de alumnos e profesores. Neste apartado, tanto o CEIP Plurilingüe de Pumar-Urdilde como o CPI Plurilingüe dos Dices están incluídos no listado de centros nos que se realizan pequenas obras.
Trenor lembrou que Galicia conta desde 2021 cun Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica co fin de adaptar os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas, cun investimento de 191 M€ nesta lexislatura.
Trátase dunha iniciativa pioneira que busca reforzar un novo modelo de colexios e institutos na etapa poscovid, onde a arquitectura teña unha orientación educativa vinculada ás novas metodoloxías de aprendizaxe.