O lugar de Contimunde, en Rois, xa volve a lucir o cruceiro de Pérez (como se coñece a este ben patrimonial) derribado hai uns anos por un temporal. Ata o lugar desprazáronse o alcalde de Rois, Ramón Tojo, e o concelleiro de Obras, Carlos Ares, acompañados polo escultor que levou a cabo os traballos de restauración, José Conde, natural de Sorribas. Segundo indicou o alcalde, os traballos de restauración, “seguiron en todo momento as pautas marcadas por Patrimonio”.


As actuacións demoráronse no tempo xa que houbo que solicitar os pertinentes permisos, “aínda que o groso da restauración levou dous intensos meses”, remarcou o alcalde, quen subliña que José Conde “realizou un minucioso traballo de restauración deste ben patrimonial”.
Os traballos consistiron en pegar con resinas especiais as partes danadas, empregando variñas de fibra de carbono. Reconstruíronse as partes danadas e procedeuse á limpeza manual de cada unha das pezas, ao tratarse dun ben patrimonial, e seláronse todas as fisuras con morteiro de cal, explicou José Conde, o escultor de Sorribas. “Uns traballos moi minuciosos que requiren bastante tempo”, engadiu.


A parte superior do cruceiro de Pérez, coa imaxe da Virxe e de Xesús, fechado no século XIX, fora derrubada por un poste telefónico de madeira que caeu por un temporal acaecido en decembro de 2019. As pezas foron custodiadas polo Concello ata que Patrimonio autorizou a súa restauración, que foi asumido polo seguro da empresa telefónica.