Cartel da XV Andaina por parellas do Concello de Rois

A Andaina por parellas organizada polo Concello de Rois e o Colectivo Remonte chegará na tarde do sábado 6 de maio á súa décimo quinta edición. Con saída e chegada no pavillón dos Dices, a participación está aberta a persoas de todas as idades coa única condición de que formen parella con outra (sexa amiga, familiar, compañeira…) e poidan andar os 16 quilómetros dos que consta a proba. O itinerario, de dificultade baixa, pasará polas Penicias, O Foxo, Infesta, Os Vilares, Antequeira, Oín, Samil, Seira, Fondóns, praia fluvial, Lamego, A Peroxo, A Peruca e A Pontenova.

O prazo de inscricións na Andaina por parellas 2023 estará aberto entre o martes 11 de abril e o martes 2 de maio. Como norma xeral, as parellas que queiran facer a ruta mandarán un mail a www.andainabisbarradosar.com e deberán pagar un total de 10 euros. Sen embargo, o Concello de Rois dispón para a veciñanza de ata 25 inscricións gratuítas para outras tantas parellas empadroadas no noso municipio. Para gozar desta inscricion de balde, as persoas interesadas terán que cubrir a ficha de solicitude (descárgaa aquí) e mandala ao departamento de Deportes municipal a inscricions@rois.gal. As inscricións gratuítas outorgaranse por rigorosa orde de solicitude e contarán só aquelas que se fagan unha vez aberto o prazo de inscrición o martes 11 de abril.

O día da proba, o sábado 6 de maio, as persoas participantes poderán recoller os seus dorsais a partir das 15.30 horas no pavillón dos Dices. A andaina comezará ás cinco da tarde.