• Quedan suspendidos temporalmente os prazos de devolución de préstamos da biblioteca municipal

  • O equipo da ESMU contactará coas familias para valorar e posibilidade de realizar as clases de xeito telemático

En concordancia coas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia para combater a pandemia de coronavirus, o Concello de Rois anuncia o peche da biblioteca municipal e a suspensión das clases presenciais na Escola de Música, polo menos ata o día 17 de febreiro próximo.

Así, as instalacións do Edificio Multiúsos quedarán pechadas do mércores 27 de xaneiro ao 17 de febreiro. Para resolver calquera cuestión relacionada cos seus servizos, pódese contactar a través dos correos electrónicos cultura@rois.es e deportes@rois.es e das redes sociais municipais; e no teléfono 981 81 60 61 de 10.00 a 14.00h.

A biblioteca municipal mantén activas unicamente as súas canles telemáticas de comunicación. Durante este período, para devolver materiais prestados haberá que facelo a través da caixa de correo habilitada na fachada do Multiúsos a calquera hora do día, aínda que os prazos de devolución que venzan durante estes días quedan suspendidos. Deste xeito, as persoas usuarias residentes noutros concellos poden pospoñer as devolucións ata que se restableza a mobilidade entre municipios.

Desde a Biblioteca de Rois queren facer fincapé na existencia de plataformas de préstamo dixital como GaliciaLe e eBibliodacoruna, ás que se pode acceder co carné da Rede. Con estas utilidades pódense pedir numerosos libros, audio libros, revistas ou películas para gozar deles en dispositivos electrónicos como computadoras, e-readers compatibles, teléfonos móbiles ou tabletas.

Escola Municipal de Música

Por outra banda, a Escola Municipal de Música suspende as súas clases presenciais, dentro deste esforzo colectivo por vencer a terceira onda do coronavirus. Durante esta semana o seu equipo contactará coas familias para valorar a posibilidade de realizar clases en liña e, en función da resposta das persoas interesadas, tomarán decisións ao respecto.