• Esta iniciativa diríxese a poboación de risco e a familias que teñan que gardar corentena

  • As oficinas municipais atenden con cita previa e prégase que se fagan todos os trámites posibles por vía telemática ou telefónica

Ante o incremento de casos de covid-19, o Concello de Rois emitiu un bando no que informa a veciñanza de que se presta a facerlles compras básicas, coma alimentos e medicinas, a todas aquelas persoas residentes no municipio que non poidan saír da casa por ser poboación de risco en caso de contaxio ou porque están cumprindo a corentena. Para facer máis áxil este servizo, o Concello habilita os números de teléfono 981 804 109 e 689 223 509.

O Concello lembra que as persoas de idade avanzada e aquelas que sofren algunha patoloxía son o sector máis vulnerable ante o coronavirus e por iso prégalles non saír das súas casas para non manter contacto con outras persoas.

Así mesmo, e coa fin de frear a propagación do virus, pídelle a toda a veciñanza que realice todos os trámites posibles empregando medios telemáticos ou telefónicos. As oficinas municipais prestarán atención presencial só con cita previa, que pode concertarse no número 981 804 109.

O bando pódese ler no arquivo adxunto.