O Concello de Rois pechará este venres a programación conmemorativa do 8M cun acto institucional no que lle entregará á física local Eva González Noya o I Premio extraordinario do Día da Muller. A partir das sete da tarde, no auditorio municipal, lerase o manifesto institucional e entregaranse tamén os premios ao alumnado dos centros educativos do municipio que participaron no concurso de carteis do 8M. O OCT Chorima pechará o acto cunha actuación musical.

O goberno municipal de Rois quere recoñecer co Premio extraordinario do Día da Muller  o traballo que veñen desenvolvendo as mulleres do municipio en diferentes ámbitos. Nesta primeira edición, a galardoada é Eva González Noya, cunha longa traxectoria como física investigadora en universidades de diferentes países.

Actualmente Eva González é científica titular en Madrid no Instituto de Química-Física Rocasolano, do Centro de  Investigacións Científicas (CSIC). Ten publicados máis de 90 artigos científicos, presentacións en conferencias nacionais e internacionais e dirixido catro teses de doutoramento.

Natural de Rois, estudou primaria e secundaria no CPI Os Dices, e bacharelato no IES Camilo José Cela de Padrón. Licenciouse en Física pola USC, obtendo o premio extraordinario de doutoramento. Foi investigadora postdoutoral na Universidade de Cambridge (Reino Uno) e na Complutense de Madrid entre 2004 e 2009. Dende entón traballa no Instituto de Química-Física Rocasolano do CSIC. En 2011 e 2012 foi investigadora visitante na Universidade de Chicago (EEUU).

Entre as súas investigacións, Eva González menciona unha sobre o estudo da materia utilizando simulacións por ordenador, para ver, por exemplo, como medra o xeo dependendo da temperatura e da presión, e como se poden obter novos materiais a partir de nanopartículas.

O venres, Eva González desprazarase dende Madrid ata Rois para recoller este galardón.

No acto institucional, a concelleira de Servizos Sociais, Mercedes Basante, lerá o manifesto institucional do Concello de Rois polo 8M e entregaranse tamén os premios do concurso de carteis ao alumnado dos centros educativos do concello. Os traballos presentados a este certame poderán verse nunha exposición no propio edificio multiúsos de Rois.

A música tradicional tamén estará presente no programa do actos oficiais, coa intervención e actuación do OCT Chorima, que servirá para pechar o acto.

O Concello de Rois comezou o pasado 5 de febreiro o programa de actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller. A artesá Sonia Ares, residente en Rois, mantivo unha charla coloquio co alumnado de terceiro e cuarto da ESO do CPI Os Dices, e co que participa no obradoiro de emprego, para darlles a coñecer como é o seu traballo.

O 24 de febreiro celebrouse un curso de autodefensa para mulleres na escola unitaria do s Dices, impartido por un especialista da Federación Galega pertencente ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.