A marea de solidariedade de veciñanza, asociacións e empresas de Rois e dos concellos limítrofes fixo posible que Manuel Rodríguez Castro, gandeiro da parroquia de Quintáns que perdeu nove vacas en outubro por causa dunha intoxicación con estramonio, poida recuperar o tamaño da súa explotación grazas aos algo máis de nove mil euros que se conseguiron recadar con distintas iniciativas postas en marcha para axudalo.
Nestes días, Manuel Rodríguez e a súa familia recibiron a visita do alcalde de Rois, Ramón Tojo, e do tenente de alcalde, Manolo dos Santos, para entregarlle os 7.719 euros ingresados na conta solidaria aberta polo Concello de Rois. Desta cantidade, 825 euros correspóndese co importe das dietas pola asistencia ao pleno do 8 de novembro que doou toda a corporación municipal. O resto dos cartos, 6.894, son achegas de particulares.
Ademais, o gandeiro de Quintáns recibiu otros 1.400 euros colleitados grazas á venda de rifas para o sorteo dunha motoserra cedida pola empresa de Negreira Comercial Antelo. Esther Gómez foi a afortunada gañadora e xa recolleu o premio.
Vendeu as rifas á asociación de Mulleres Rurais de Urdilde e colaborou desinteresadamente na impresión Artes Gráficas Adolfo Piñeiro.