“Poucos agasallos hai tan fermosos como o agarimo dos nosos pequenos e das nosas pequenas”, así o afirma o alcalde de Rois, Ramón Tojo, na carta que acompaña uns agasallos moi especiais que estes días están a recibir as persoas maiores de Rois que viven soas. Mensaxes en forma de felicitacións e debuxos, cheos de agarimo e ilusión, realizados polo alumnado do CPPI dos Dices e cos que os escolares quixeron felicitar dun xeito especial a cada unha das persoas maiores de Rois que viven soas.
“Vivir só non ten que significar sentirse só”, subliña na súa carta Ramón Tojo, resumindo deste xeito o espírito da iniciativa posta en marcha polo centro escolar, xa que os debuxos e as cartas escritas polos escolares tiñan unha clara finalidade, ademais de felicitar o Nadal: facelos partícipes destas festas e acompañalos dun xeito particular nunhas datas tan especiais.
Nas felicitacións elaboradas polos nenos e polas nenas do centro escolar, ademais de desexar boas festas, algún escolar aproveitou para contarlle ao seu “amigo” ou “amiga” algunha das súas inquedanzas e dos seus desexos coa pretensión de sacarlle un sorriso “tan grande que chegue a Xapón”, desexarlle “moita saúde”, facerlle “pasar un bo rato con este escrito” e lembrándolle sobre todo que “vales moito”. A iniciativa, posta en marcha polo colexio dos Dices, en colaboración con Concello de Rois, ten por obxecto axudar a combater a soidade das persoas maiores que residen no municipio e que, por unha ou outra razón, pasaron este Nadal lonxe dos seus seres queridos. “Vivir só non ten que significar sentirse só. E nós, como comunidade, debemos traballar a reo para que non sexa un bonito desexo de Nadal, senón unha realidade cotiá”, remarcaba o alcalde no escrito que acompañaba cada un dos traballos.