O alcalde de Rois, Ramón Tojo, e a tenente de alcalde, Mercedes Basante, visitaron esta mañá a zona de Urdilde onde xa se comezaron a executar as obras da nova estación depuradora, que dende onte executa Proyecon Galicia. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou o pasado mes de xuño en 819.030 euros a construción da nova depuradora de augas residuais, que dará servicio ao núcleo da Calle e de Macedos. O prazo de execución dos traballos é de oito meses
Membros da empresa construtora explicáronlle as autoridades municipais as actuacións que comezaron onte, para construír un camiño de acceso ata o lugar no que se van executar as obras. A previsión é que Urdilde poida contar no vindeiro verán coa nova depuradora, para arranxar as deficiencias do sistema de depuración neste núcleo que o alcalde trasladara en varias ocasión ao goberno autonómico.
Ramón Tojo e Mercedes Basante estiveron acompañados polo ex tenente de alcalde Manuel dos Santos e polo propietario da finca sobre a que se está a construír o acceso á nova depuradora.
As obras consisten na execución dunha nova estación de tratamento de augas residuais con sistema de depuración por biodiscos e o desmantelamento da depuradora actual de Urdilde, que se manterá en funcionamento ata a entrada en servizo da nova infraestrutura.
O novo sistema estará dotado de arqueta de chegada, by-pass xeral, desbaste mediante dobre canle, pretratamento mediante tanque Imhoff, con zona de decantación e zona de dixestión, tratamento biolóxico e medida de caudal de auga tratada.
Ademais, executaranse 519 metros de colector desde a estación actual ata a arqueta de entrada da futura depuradora, e disporase de 61 metros de colector desde a arqueta de saída ata o punto de vertido. Tamén se acondicionará o acceso á nova depuradora.
A nova depuradora de Urdilde non só terá capacidade para tratar as augas de 546 habitantes equivalentes do núcleo urbano da Calle e de Macedos, senón que estará dimensionada para a conexión futura de toda a parroquia á rede de saneamento.
Estas actuacións enmárcase no convenio de colaboración asinado co Concello de Rois, polo que a Xunta achegará o 80% do investimento e executará as obras; e a administración local financiará o 20% restante e asumirá as xestións para posibilitar os traballos, a recepción, mantemento e conservación da infraestrutura hidráulica unha vez realizada a obra.
As obras contan coa financiación da Unión Europea, no marco do eixe REACT UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.