O Concello de Rois estreará este sábado 25 de novembro, Día contra a violencia de xénero, un vídeo institucional no que a veciñanza do municipio manifesta o seu rexeitamento á violencia contra as mulleres a anima a todas as persoas a denunciar as agresións das que poidan ser testemuñas. ‘Son de Rois e non calo’ volve ser, como en anos anteriores, o lema sobre o que se sustenta a campaña.
O audiovisual de Rois incide desta volta en desbotar os estereotipos do amor romántico, dos celos e do control como mostra de interese por parte da parella, e recorda que “a violencia de xénero deixa marcas, anula as vítimas, estraga familias enteiras”.
E precisamente, por iso, porque as protagonistas moitas veces non poden ou non son quen de alzarse contra o seu maltratador, no vídeo institucional pídeselle a veciñas e veciños que denuncien e tamén que acompañen sempre as vítimas sen xulgalas.
Este apoio escenifícano uníndose sobre o escenario do auditorio municipal medio cento de roisenses pertencentes a varias organizacións sociais do municipio, como a Asociación de Amas de Casa de Rois, as asociacións de mulleres rurais de Urdilde e de Ermedelo, ou as ANPAS do CPI Os Dices, do CEIP Urdilde, e da escola infantil de Rois, ademais dos clubes de fútbol CD Rois e SD Urdilde.
A estrea desta produción audiovisual, realizada pola empresa compostelá Alicentis, súmase a outras iniciativas desenvolvidas nestes días polo Concello de Rois co gallo do 25N. Entre elas, destacan unha Convivencia de mulleres, na que participaron medio cento de veciñas e que as levou a pasada fin de semana a percorrer varias localidades cántabras como Santander, Comillas ou Santillana del Mar.Así mesmo, o alumnado de educación secundaria de Rois e os participantes do obradoiro de emprego gozaron este venres 24 da representación da ópera electrónica Papagena. Trátase dunha peza baseada no simbólico personaxe do mesmo nome da Frauta máxica de Mozart, que convida ás persoas espectadoras a reflexionar sobre o movemento de loita social contra o sexismo.
