• O 8 de marzo inaugúrase no multiúsos unha exposición dedicada a Lourdes Gómez que lle rende homenaxe á muller rural 

  • Lara Barreiro López captou coa súa cámara a forza das súas veciñas que plasma en fotografías de 40×60 cm

  • Anayansi Singh e Uxía Pérez participan nunha iniciativa que leva dous anos fraguándose

Profesoras universitarias, pioneiras na Garda Civil ou facendo ‘traballo de homes’, empresarias, emprendedoras, deportistas, inmigrantes, persoas con capacidades diferentes que son quen de romper estereotipos. Ao igual que souberon facerlle fronte á vida e emprender un camiño que outras moitas seguiron, seguen e, sen dúbida, seguirán, tamén aprenderon a perderlle medo á cámara.

A ese obxectivo que, en certo modo, agochaba a cara de Lara Barreiro. Coa súa particular mirada soubo recoller a forza, a sorrisa, a intelixencia, a sinxeleza das súas veciñas, e plasmalas en imaxes de 40×60 cm, nas que, sobre fondo negro, sobresae a diversidade que hai en Rois. Para montar a exposición, o Concello de Rois contou co patrocinio de Saal Digital.

‘Aloitadoras’ é o resultado dunha iniciativa que hai dous anos Lara Barreiro López, unha fotógrafa moza que axuda a quen ten máis preto; Anayansi Singh, xestora cultural do Concello de Rois, e Uxía Pérez, educadora familiar, puxeron en marcha. Foi a primeira semente. No mes de outubro comezaron a saír os xérmolos dunha obra que toda a veciñanza de Rois poderá ver o vindeiro 8 de marzo, Día Internacional da Muller, no multiúsos a partir das 11.00 horas.

‘Aloitadoras’ quere dar a coñecer a historia de 31 veciñas, representantes das doce parroquias do municipio, que teñen toda unha historia detrás e que, moitas delas, son auténticas pioneiras. A través da súa faciana, de todo o que expresan coa súa mirada, coas súas mans, incluso coas súas engurras, e co seu silencio, esta exposición amosa tamén a diversidade que hai en Rois.

 “A forza que expresan coa súa mirada, como lle foron perdendo o medo a cámara, e todo o que fai cada unha delas”. Foron as cousas que máis lle sorprenderon a Lara Barreiro López. “Están moi agradecidas por sacarlles as fotos, e o feito de que lles gustaran é o que máis me satisfai”, di a fotógrafa. “Agora xa sei posar, que estiven antes contigo”, lle dixo unha das protagonistas a Lara cando volveu repetir o retrato, porque a primeira vez acudiu cun vestido vermello e todas deben vestir de escuro, para que o espectador se fixe na cara das protagonistas e saiba escoitar todo o que lle din cada unha delas.

“Quería retratar a mulleres de Rois, ensinar como son, e facer algo para o Día da Muller”. Desta idea de Lara Barreiro xurdiu todo. Anayansi e Uxía souberon ver o potencial e puxéronse a facer unha selección.

“Ao principio pensamos en buscar a dúas mulleres de cada unha das doce parroquias. Persoas vinculadas ao agro, que destacasen en diferentes aspectos”, recordan Uxía e Anayansi.  Empresarias, mestras, inmigrantes, deportistas, persoas con discapacidade, gardas civís… Todas elas teñen unha historia que contar. “Ao principio algunhas dixéronnos que xa non cumprían os requisitos, porque deixaran a empresa que montaran ou por diversas circunstancias, pero dábannos o nome doutra veciña que consideraban tiña que estar no proxecto… E así chegamos ata as 31 mulleres”, engade Uxía. 

Dende o día 8 ata finais de marzo esta exposición poderase ver no edificio multiúsos de Rois. Despois é posible que visite outras localidades galegas. 

Nas 31 fotografías poderase ver a Anna, unha nixeriana que, despois de pasar por Madrid e A Estrada, leva 15 anos vivindo en Rois, onde se formou, fundou a súa familia e hoxe axúdalle a outros veciños e veciñas porque traballa no servizo de axuda no fogar. Están tamén Sara, que se formou e se converteu en soldadora, “un traballo máis vinculado aos homes”; María e Esmeralda, dúas emprendedoras que crearon as súas propias empresas. Vanesa, unha grande afeccionada ao motocross, ou María Josefa, que naceu en Escarabote e garda con mimo as revistas, carnés e medallas que gañou practicando diferentes artes marciais. 

Noutros dos retratos aparecen María de los Ángeles, a primeira e única muller de toda España que forma parte do Grupo de Blanqueo de Capitais da Unidade Central Operativa da Garda Civil; e Carmen, que saca adiante unha plantación ecolóxica. Entre as ‘aloitadoras’ tamén figura Lucía, unha muller con discapacidade intelectual capaz de vivir de xeito independente. “Con apoios puntuais da familia, das amizades, dos servizos sociais e da Asociación Amipa e quen de loitar día a día para defender os dereitos das persoas con discapacidade”, sinala Uxía Pérez.

Son as historias de vida destas 31 mulleres que poderán coñecer polo miúdo nos textos que forman parte desta exposición. Unha mostra coa que a mirada atenta e inquieta de Lara Barreiro soubo amosar o potencial e a diversidade que hai nun municipio rural como Rois, e que está dedicada a Lourdes Gómez, a fundadora e presidenta ata o seu pasamento da Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde, a primeira que se creou en Galicia en 1986, e unha das primeiras de España.