A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo unha xuntanza co alcalde de Rois, Ramón Tojo Lens, na que lle trasladou o compromiso da Xunta coa mellora da seguridade viaria na estrada de titularidade autonómica AC-301, na que se instalarán semáforos limitadores de velocidade no tramo que percorre Concello de Rois.
Vázquez Mourelle explicoulle ao rexedor que o departamento que dirixe vai atender a solicitude municipal de incrementar as medidas para minorar a velocidade do tráfico na Intersección da AC-301 con estrada da Deputación DP-3302, onde a Axencia Galega de Infraestruturas reforzou en maio a sinalización vertical de límites de velocidade de 50 Km/h, e a identificación de curva perigosa e intersección.
As actuación prevista nesta intersección con mala visibilidade, e que está a uns 100 metros da Casa do Concello, busca calmar o tráfico dos vehículos pesados e lixeiros que seguen a circular a moita velocidade. Para iso o departamento de infraestruturas prevé a instalación neste tramo da AC-301 de dous semáforos en ambar, antes da intersección e en cada dirección, que se porán en vermello se se supera a velocidade permitida.
Na reunión, a conselleira informou que Xunta contratará o proxecto para deseñar unha senda peonil nesta estrada AC-301, para dar continuidade ás beirarrúas existente desde o núcleo de Rois ata a rotonda das instalacións de Cortizo, e na que o Concello executará actuacións de mellora na citada glorieta. Este novo itinerario permita mellorar a mobilidade de veciños, ao tempo que facilita aos traballadores da citada empresa o desprazamento a pé ata as instalacións.
Ademais abordaron as actuacións para a mellora do saneamento no núcleo urbano de Urdilde, cuxo proxecto de redacción foi adxudicado o pasado mes de xullo e que ten un prazo de execución de 6 meses.
Estes traballos, impulsados a través de Augas de Galicia, buscan analiza as alternativas e redactar o proxecto coas actuacións necesarias para executar unha estación depuradora nunha zona máis próxima, dada a distancia existente entre a EDAR actual e o punto de vertedura.