A conselleira Ethel Vázquez visita Rois para supervisar a nova senda peonil

O alcalde de Rois, Ramón Tojo, acompañou esta mañá á conselleira de Infraestuturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, nunha visita de supervisión da nova senda peonil que, en paralelo á estrada AC-301, enlaza o núcleo de Rois coas instalacións de Cortizo. O novo vial supuxo un investimento da Xunta de 726.000 euros e xa está a disposición da veciñanza, contribuíndo a mellorar a súa acesibilidade e seguridade.  

A nova senda conta con 750 metros de lonxitude e 2 metros de anchura constante. Comeza na contorna das naves do polígono industrial de Padrón, discorre uns 200 metros pola marxe esquerda da antiga estrada AC-299 e continúa pola marxe dereita da AC-301 ao longo de algo máis de 500 metros ata conectar coas beirarrúas existentes no núcleo de Rois, na parroquia de Santa María de Oín.

As obras levaron aparelladas outras actuacións complementarias, destinadas a incrementar a seguridade viaria e a humanización do tramo no que se actuou. Por unha banda, mellorouse o trazado da estrada AC-301 na contorna do punto quilométrico 2+450, rectificando unha curva, repoñéndose o camiño de servizo e actuando sobre a rasante da vía coa fin de garantir unha maior visibilidade.

Ademais, actuouse sobre a intersección cun viario local existente na marxe dereita, á altura do quilómetro 2+520, reconstruíndoa en forma de semiglorieta e dotándoa de carrís de aceleración e de deceleración.

Os traballos completáronse co repintado das marcas viarias, a reposición da barreira de seguridade, a renovación da sinalización e da iluminación; coa disposición de novos báculos e luminarias led, e co soterramento do tendido das redes de telecomunicacións e electricidade.

O alcalde de Rois, Ramón Tojo, destacou que a nova senda dá resposta a unha demanda histórica nunha vía moi transitada tanto polo tráfico rodado, por ser o paso natural de acceso á autoestrada AP-9, como polos peóns que se dirixen ao polígono industrial. Incidiu nos traballos de rectificación da curva e de supresión dos postes de tendido eléctrico e considerou que se trata dunha infraestrutura moderna á altura dun municipio que quere ser relevante, para coincidir coa conselleira Ethel Vázquez en que favorece os desprazamentos da veciñanza facilitando unha mobilidade máis segura e saudable.

A titular de Infraestruturas aproveitou a ocasión para avanzar que no outono se van iniciar as obras de mellora de sete paradas de autobús no concello de Rois, dentro dun plan que afectará a 63 paradas en seis concellos da contorna grazas a un investimento de de 1,8 millóns de euros. Así mesmo, Ethel Vázquez e Ramón Tojo emprazáronse no vindeiro mes de setembro de cara ao inicio das obras, xa adxudicadas, da depuradora de Urdilde, que contan cun investimento autonómico de máis de 900.000 euros.

Na visita desta mañá á senda peonil participaron tamén o delegado da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, así como os concelleiros roisenses José Luis Ares, Iván Fernández, Victoria Quiroga e Manuel Cobas, xunto ao presidente do Grupo Cortizo, José Manuel Cortizo, e varios técnicos da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.