A dodrense Tren-in Topic 2023, un divertido e orixinal repaso polas novas que marcaron a actualidade o ano pasado, alzouse este sábado cos 400 euros de premio á comparsa gañadora do concurso de Entroido de Rois nun pavillón dos Dices rebosante de público disposto a desfrutar coas propostas dos máis de 360 participantes, toda unha marca.

Nunca houbera tantas persoas concursantes nin tanto público. Rois viviu este sábado a súa festa de Entroido máis multitudinaria nunha tarde na que triunfaron os disfraces festivos e reivindicativos. Personaxes de contos, debuxos ou xoguetes compartiron protagonismo con chamadas á atención á diversidade ou ao coidado do medioambiente, ademais de acenos a películas ou países estranxeiros.  

Ata as chuvieiras intermitentes se aliaron co Entroido de Rois e permitiron que a tarde festiva comezase, como estaba previsto, co desfile dos concursantes dende a Casa do Concello ata un pavillón dos Dices a rebentar e cheo de postos ateigados de delicias gastronómicas, a cargo das distintas asociacións veciñais.

Non o tivo nada fácil o xurado para decidir. Abonda dicir, por exemplo, que entraron no concurso un total de 19 comparsas, que competiron non só cos seus disfraces senón tamén coa súa presentación ante o público con pequenas interpretacións e coreografías. Ademais das propostas das distintas parroquias de Rois, participaron no concurso comparsas e persoas de concellos próximos como Padrón, Dodro, Pontecesures ou Brión.

Tren in Topic 2023, un tren chegado de Dodro no se que montaron dende Jennifer Hermoso e Rubiales ata a princesa Leonor e Carlos III de Inglaterra, fíxose co primeiro premio na categoría de comparsas de 13 membros ou máis. O segundo premio, dotado con 200 euros, marchou para Pontecesures coa asociación A Estornela, que homenaxou un dos produtos máis xenuinos da localidade, a lamprea, en ‘Patifas, valeiros, valeiras e criaturas do Ulla’. Por último, os Celtas de Herbogo lograron reter na casa o terceiro premio, de 150 euros, coa súa chamada á conciencia ambiental con ‘Cambio climático’.

Patifas, valeiras, valeiros e outras criaturas do Ulla, comparsa que gañou o segundo premio do concurso de Entroido de Rois

Ademais dos disfraces, unha vez máis premiouse en Rois o Espírito Entroidero que as asociacións veciñais deixaron patente por todo o polideportivo cos seus postos de orellas, filloas, rosquillas e todo tipo de doces e lambetadas para que o público gozase dunha opípara merenda gratuíta. Nesta ocasión, foron as asociacións de Ribasar, Sanamede e Herbogo as agraciadas cos tres premios e as correspondentes cestas de produtos gastronómicos.

Trala merenda, chegaron o dictame e o emocionante repartimento de premios, no que participaron os concelleiros Mercedes Basante, José Luis Ares, Manuel Cobas e Antonio Esparís. A concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, velou pola boa marcha da xornada.

A festa continuou no polideportivo coa actuación do Trío Soprano e o sorteo de artigos de broma entre as persoas participantes no concurso.

Relación completa de premios

Infantil individual ata 12 anos

1º. Spiderman Lego. 30 euros

2º. Non hai Entroido sen filloas. 25€.

3º. Érase unha vez. 20€.

4º. Mariposa monarca. Agasallo.

5º Ratiño. Agasallo.

6º. Feira de Rois. Agasallo.

Individual maior de 12 anos

1º. Granxeiro. 40€.

2º. Reina Fantasía. 35€.

3º. Dama de las ocho caras. 30€.

Parella/Trío

1º. Unha granxa moi chuli. 60€.

2º. Supermario e a princesa Peach. 40€.

3º. Os tres porquiños. 30€.

Comparsa de 4 a 12 membros

1º. Buxán Beach. 300€.

2º. A Rois in Love. 150€.   

Comparsa infantil de 4 a 12 membros

1º. Os hippies happies. 200€.

2º. Almas en pena. 100€.

Comparsa de 13 ou máis membros

1º. Tren in Topic 2023. 400€.

2º. Patifas, valeiras, valeiros e criaturas do Ulla. 200€.

3º. Cambio climático. 150€.

Espírito Entroidero ás asociacións

1º. AAVV. Ribasar. Cesta

2º. AAVV Sanamede. Cesta.

3º. AAVV Herbogo. Cesta.