Un cento de persoas desempregadas recibirán formación nos sectores con máis demanda de traballo na comarca do Sar grazas ao Programa Integrado de Emprego (PIE) do Concello de Dodro 2023-2024. Na mañá de hoxe, o alcalde de Rois, Ramón Tojo, xunto coa alcaldesa de Pontecesures, Maite Tocino; o alcalde de Dodro, Xabier Castro; o alcalde de Padrón, Anxo Arca; o alcalde de Catoira, Xoán Xosé Castaño; e o concelleiro de Cultura e Xuventude de Valga, Pedro Calvo, presentaron este programa no salón de plenos do Concello de Pontecesures. O evento contou tamén coa presenza de membros do equipo docente e do alumnado.
Este programa, que conta coa participación dos concellos de Padrón, Valga, Rois, Catoira, Pontecesures e Dodro, ten por obxectivo mellorar a empregabilidade de persoas en situación de desemprego na zona. Conta cun total de 100 alumnos, dos cales 9 son de Rois, e ten unha clara orientación cara á inserción laboral, coa meta de alcanzar un 37% de éxito nesta área.
Financiado pola Xunta de Galicia con 200.000 euros, o PIE desenvolverase ata novembro de 2024 e ofrece diferentes accións encamiñadas a acadar a inserción laboral das persoas participantes. Desde información e asesoramento laboral personalizado ata formación nos sectores con máis demanda de traballo, como loxística e comercio, hostalería e turismo, industrias alimentarias, fabricación mecánica, téxtil, servizos comunitarios ou agrario e forestal. Tamén inclúe talleres de coaching, intelixencia emocional e habilidades sociais, así como a realización de prácticas non laborais.
Durante a presentación, o alcalde de Rois, Ramón Tojo, destacou “a importancia da colaboración entre os concellos para promover o emprego e o desenvolvemento na comarca”. Tojo felicitou especialmente aos participantes de Rois e expresou a súa confianza en que lograrán alcanzar os seus obxectivos laborais. O rexedor roisense agradeceu a implicación de todas as persoas nesta iniciativa e amosouse convencido de que “superaremos as expectativas de inserción laboral e faremos historia unha vez máis”.