O servizo de Normalización Lingüística do Concello de Rois xunto aos de Ames, Carballo, O Grove, Moaña, Pontevedra, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo, da Deputación da Coruña e da Universidade de Vigo, de Santiago e da Coruña presentou esta mañá a sétima edición dos premios Youtubeiras baixo o lema ‘Rede aberta, Rede diversa’.

A concelleira de Cultura do Concello de Rois, Victoria Quiroga, puxo en valor o “importante” que resulta sempre a colaboración institucional en proxectos de “fomento da lingua” como é o caso de Youtubeiras, un programa que ten como obxectivo fomentar a creación en galego no YouTube con temáticas e formatos diversos e promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede.

“Este ano repítense as mesmas categorías e contías que en 2022. Cremos que é a estrutura máis acaída para continuar a acompañar este ano a comunidade creadora de contidos na lingua en YouTube, traballo que a organización vén desenvolvendo con notable éxito dende a posta en marcha do proxecto Youtubeiras en 2017”.

“As sinerxías, o intercambio e a suma de forzas son esenciais para o noso idioma”, sentenciou Quiroga, antes de desvelar os nomes que conforman o xurado deste 2023: Nee Barros (@neeumatiko), divulgadore cultural, escritore e youtubeire, quen se fixo co galardón a Youtubeira/o na pasada edición; Fátima Souto Muñiz, bolseira do Servizo de Normalización do Concello de Ames; Irene Pin, creadora audiovisual; Rodri Míguez, xornalista musical e membro de equipos de comunicación de festivais e artistas, e Belén Puime, creadora de contido audiovisual a través do perfil @pringadas.serie tanto en TikTok como en Instagram.

As categorías este ano volven ser as seguintes: Canle, Youtubeira, Youtubeira Revelación, Vídeo, Calidade Lingüística, Pioneiro, Rede e o Premio do Público. Todos os apartados están dotados con 1000 euros, agás o último ao que se destinan 500 euros. Os vídeos que se presenten deberán estar subidos con data posterior ao 15 de novembro do 2022.