• Celebraron asemblea en Porto do Son aprobando todos os puntos por unanimidade

  • Esta ruta tentará seguir o antigo camiño real en todos os lugares que sexa posible

  • Continúa o plan de dinamización social para dar a coñecer o trazado e o proxecto entre a veciñanza

Representantes dos nove municipios que conforman a Asociación de Concellos do Camiño de Santiago da ría de Muros Noia acordaron na última asemblea celebrada en Porto do Son continuar o plan de dinamización social para dar a coñecer este Camiño entre a veciñanza. A aprobación de contas do pasado exercicio e o orzamento para este ano foron outros dos puntos aprobados na reunión que tivo lugar en Porto do Son.

O tenente de alcalde Manuel dos Santos é o representante de Rois nesta asociación, da que tamén forman parte os concellos de Porto do Son, Muros, Outes, Noia, Lousame, Brión Ames e Compostela, polos que pasa este trazado do Camiño de Santiago. A ruta pode comezarse desde dous puntos, un en Porto do Son (ao sur da ría) e o outro en Muros (ao norte). Dende este último segue por Outes e enlaza en Noia co tramo sur. Continúa despois por Lousame, Rois, Brión e Ames para rematar na catedral os case 80 quilómetros de percorrido. “É o Camiño máis curto co que se pode obter a Compostela”, sinala Manuel dos Santos.

Os representantes municipais da asociación, que actualmente preside Teresa Villaverde, alcaldesa de Lousame, reuníronse na biblioteca de Porto do Son. Na reunión aprobáronse todos os puntos por unanimidade e nela deuse conta dos traballos realizados durante os últimos meses e a memoria de actividades, a conta de gastos, as subvencións solicitadas e o plan de dinamización social posto en marcha, que continuará desenvolvéndose nos vindeiros meses. O orzamento de 2021 foi outros dos puntos aprobados por todos os asistentes.

Adecuar a sinalización do Camiño de Santiago pola ría de Muros-Noia ao antigo camiño real é un dos obxectivos da asociación, aínda que todos son conscientes de que haberá tramos no que non vai ser posible, debido as novas infraestruturas viarias.

Na reunión falouse tamén do selado de credenciais para obter a Compostela, algo que xa é factible, toda vez que o Arzobispado recoñeceu este trazado. A asociación agarda agora que a Xunta lle dea o seu visto e prace a este Camiño de Santiago pola ría de Muros-Noia.

Dende a asociación non van establecer etapas fixadas para este Camiño. “Pensamos que os peregrinos poden durmir onde consideren oportuno, dándolle preferencia sempre aos establecementos de hostalaría. Tan só nos casos de que veñan grupos moi grandes se lles poderá ofrecer os polideportivos municipais para durmir”, indica Manuel dos Santos.