• Debuxantes afeccionados poderán facer as súas propostas para a imaxe das festas do Santo Isidro Labrador
  • O prazo parar presentar as imaxes remata o 26 de abril
  • O certame artístico e literario servirá para conmemorar o Día do Libro e o Día das Letras Galegas
  • O prazo de presentación remata o 14 de maio
  • Recoméndase enviar os traballos por correo electrónico

O Concello de Rois vén de facer pública a convocatoria do Certame artístico e literario de relato breve e poesía,  o concurso de carteis do Santo Isidro Labrador. Trátase de dous certames con tradición no municipio do Sar e abertos á participación tanto de escolares como de adultos, segundo o caso. 

Como vén sendo habitual nos últimos anos, a imaxe oficial das festas patronais de Rois sairá do Concurso de Carteis das Festas do S. Isidro Labrador. Neste certame poden participar persoas maiores de 14 anos. As técnicas a utilizar son libres, se ben a temática está clara: enxalzar o municipio de Rois e as súas festas. Cada participante poderá presentar dous traballos, que terán formato vertical. 

Debido a pandemia da covid-19 recoméndase enviar as obras por correo electrónico antes do luns 26 de abril, ás 14.00 horas. Os carteis deberán ter formato A3 vertical (29.7×42) e tamén se poden entregar presencialmente no correo ou mandalo por correo postal. O premio que o Concello outorgará ao gañador é de 120€

Canto ao Certame artístico e literario de relato breve e poesía, a súa convocatoria serve para celebrar tanto o Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor (23 de abril) como o día das Letras Legas (17 de maio). Pode participar todo aquel que o desexe, sen límite de idade, establecéndose diferentes categorías, segundo o ano de nacemento os participantes: categoría a) Nados dende 2014 ata a actualidade; b) 2012-2013; c) 2009-2011; d) 2004-2008 e a categoría e) nados ata 2003. 

Os traballos deberán incorporar algún elemento característico do concello de Rois, ademais de estar escritos en galego, ser orixinais e inéditos e ter un máximo de dez folios no caso de narrativa e de entre 10 e 60 versos os poemas. As persoas que non manexen a lectoescritura e os máis pequenos,  categoría a), poden presentar un debuxo. Tamén neste caso se recomenda enviar os traballos por correo electrónico ao enderezo cultura@rois.gal antes do venres 14 de maio. Tamén se poden entregar presencialmente na casa consistorial ou no multiúsos, ou mandalos por correo . Os premios, que se entregarán en maio, consisten nun lote de libros para as categorías a), b) e c). O gañador da categoría d) recibirá 60 euros, e 30 o segundo. Na categoría e) os premios son de 100 e 50 euros para os traballos gañadores. 

As bases de cada un destes certames poden consultarse nos documentos anexos a esta nova.