Programas

Axuda no fogar (SAF)

A axuda no fogar é un servizo orientado ás persoas e familias que presentan problemas para a realización das actividades básicas da vida diaria, que non poden exercer por si soas. O SAF proporciona atención directa no propio domicilio, favorecendo a permanencia no contorno habitual. Deste xeito evitamos ou retrasamos o ingreso en institucións e previmos o risco de marxinación, illamento ou abandono das persoas beneficiarias.

Educación familiar

O programa de educación familiar é un servizo municipal de axuda ás familias con circunstancias especiais que as fan máis vulnerables. Ten como obxectivo principal a orientación e asesoramento das familias para atoparlles unha solución ás súas necesidades, así como establecer pautas básicas de organización familiar.

Procúrase fomentar hábitos de comunicación entre pais, nais e fillos/as, que lles permitan adquirir pautas de conduta para a mellora da súa calidade de vida e das relacións familiares, poñendo especial coidado na atención prestada aos menores que formen parte do núcleo familiar.

Por outra banda, o Concello de Rois ofrece un servizo de reforzo escolar a menores con dificultades no proceso de aprendizaxe, en coordinación cos departamentos de Orientación dos colexios do municipio. As aulas de apoio educativo teñen por obxectivos reducir o índice de fracaso escolar, introducir hábitos de estudo, mellorar a autoestima, fomentar a autonomía e as habilidades sociais, ademais de involucrar ás familias nos procesos de ensino e aprendizaxe dos seus fillos.

Voluntariado

O voluntariado social constitúe unha maneira de participación solidaria en proxectos sociais no noso concello. Concretamente, existe un programa de atención a menores vulnerables para os cales se deseñan actividades específicas de intervención durante o verán.

As persoas interesadas en participar voluntariamente nesta e noutras actividades deberán ter os 18 anos cumpridos e asinar un convenio de colaboración co noso concello.

Inserción social

O programa de inserción social ten por obxecto a prevención das situacións de marxinación, as súas causas e a integración e participación no medio social das persoas ou grupos máis desfavorecidos, afectados polas diferentes formas de exclusión social.

Desde o departamento de servizos sociais ofréceselles información e asesoramento especializado ás persoas, familias, ou colectivos en situación de risco ou vulnerabilidade. Trátase de garantir o seu acceso ao sistema público de protección social, sempre desde o respecto á dignidade e á intimidade das persoas.

Muller

O compromiso do Goberno municipal coa igualdade entre mulleres e homes como motor da nosa sociedade materialízase na creación e execución do II Plan de Igualdade do Concello de Rois 2021-2028. Este documento é a folla de ruta a seguir para a posta en marcha de políticas locais destinadas a acadar a plena equidade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes, así como a incorporar o enfoque de xénero de forma transversal a toda a acción municipal.

Dende o departamento de Servizos Sociais municipal desenvólvense accións concretas enfocadas á promoción da igualdade real entre xéneros, tales como accións formativas, convivencias educativas para mulleres ou campañas polo Día Internacional da Muller ou polo Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

Terceira idade

O programa de actividades para persoas maiores establécese coa intención de promover a súa calidade de vida, fomentando as actividades sociais, culturais e recreativas para este sector de poboación. Trátase de promocionar un espazo de ocio adaptado ás necesidades e ás demandas das persoas maiores, que as leve a gozar do seu tempo libre: excursión da terceira idade, talleres de memoria ou ximnasia para maiores son algunhas das accións promovidas neste eido.

Programa para persoas en situación de discapacidade

Os Servizos Sociais comunitarios dan resposta máis próxima a varias xestións vencelladas cos temas de discapacidade, axudando a tramitar a valoración do grao de discapacidade, as tarxetas acreditativas de discapacidade ou as tarxetas de aparcamento, entre outros asuntos.

Por outro lado, os Servizos Sociais do Concello colaboran e apoian á Asociación de Nais e Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual da Comarca do Sar, AMIPA. Esta asociación é a responsable do Centro Ocupacional de Persoas con Discapacidade Intelectual da Comarca do Sar, situado en Sorribas (Rois).

Drogodependencias

A principal liña de intervención do programa de drogodependencias é a prevención do consumo de drogas e das condutas aditivas a través de obradoiros nos centros educativos. Trátase dun programa mancomunado executado pola Unidade de Prevención de Condutas Aditivas dos Concellos de Dodro, Padrón, Rois e Valga. Acceso ao perfil do programa no Facebook.