A programación de Abril, mes dos libros do Concello de Rois deu comezo coa apertura dunha exposición de arte da asociación Andaina pro saúde mental no edificio multiúsos. O alcalde de Rois, Ramón Tojo, e a concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, presidiron o acto inaugural desta mostra.
A exposición presenta unha colección de obras de arte creadas polas persoas usuarias do taller de arteterapia da asociación Andaina pro saúde mental. Desde paisaxes vívidas ata abstraccións expresivas, os cadros exhibidos reflicten a diversidade de talento e a riqueza emocional das persoas participantes no taller.
Na inauguración da mostra, as persoas usuarias compartiron as súas inspiracións e motivacións detrás das súas creacións, proporcionando unha visión única das súas experiencias artísticas e persoais. Ramón Tojo expresou o seu agradecemento polo privilexio de acoller esta exposición en Rois, destacando tamén a colaboración do CPI dos Dices, que cedeu os cabaletes. Pecharon o acto a profesora do taller de arte e a nai dun dos usuarios, agradecendo a oportunidade brindada por Rois para difundir o traballo e a importancia a nivel terapéutico e artístico do mesmo. O Concello de Rois agradeceu tamén a colaboración do CPI dos Dices con esta iniciativa.
A exposición estará aberta ao público ata o 30 de abril. Ademais de apreciar as obras de arte, os asistentes á exposición teñen a oportunidade de apadriñar os cadros mediante unha pequena doazón, contribuíndo así á continuidade do traballo da asociación e á adquisición de materiais para futuras creacións.
O alcalde animou tamén aos presentes a participar nas actividades restantes de Abril, mes dos libros e a achegarse á biblioteca o martes 23 de abril pola tarde. Ese día abrirá o prazo de presentación de orixinais para o Certame artístico e literario Lois Aldegunde e daranse a coñecer os novos títulos de libros adquiridos polo Concello para enriquecer os fondos bibliotecarios. Ademais, os interesados poderán facerse socios da biblioteca de balde e recibir un libro de agasallo como benvida.
Pechará a programación un contacontos para familias que terá lugar o día 24 de abril pola tarde. Baixo o título Kalopsia, un planeta non tan diferente e da man de Europe Direct A Coruña, este evento pretende achegar á cidadanía o significado de Europa.