Asistentes ao teatro recibiron como agasallo unha libreta conmemorativa do Día de Rosalía De Castro

O Concello de Rois rematou onte á noite os actos conmemorativos do Día de Rosalía cunha obra de teatro na que Os Quinquilláns recrearon un feito real de censura a un texto da escritora galega máis universal. A veciñanza que acudíu a representación levou como agasallo unha libreta conmemorativa, que fai mención ao 23 de febreiro como nova data para homenaxear á escritora e inclúe un verso de ‘Follas Novas’.

Os Quinquilláns poñían pola noite o colofón a unha serie de actos organizados polo Concello para conmemorar a nova data do Día de Rosalía, que dende o descubrimento da investigadora Sagrario Abelleira pasa a celebrarse o 23 de febreiro. Na obra ‘A pluma vía de Rosalía’, Tero Rodríguez e Lucho Penabade poñen en valor a escritora e a súa defensa da nosa cultura, do noso idioma, da xustiza social, da liberdade e da igualdade entre mulleres e homes. 

Unha interpretación que fixo gozar ao público asistente, que ademais levou como agasallo unha libreta conmemorativa, que o Concello de Rois distribuíu entre a veciñanza e que contou coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña.

A obra de teatro foi o último acto organizado para homenaxear a Rosalía de Castro no 185 aniversario do seu nacemento. Onte pola mañá, o alcalde acompañou ao alumnado do colexio de Urdilde que se desprazou ata Seira para percorrer na zona dos Fondóns un tramo da senda que se presentaba o mércores en Padrón. ‘Rosalía nos camiños’ é unha iniciativa dos concellos de Rois, Padrón e Dodro para poñer en valor alguns dos paraxes da comarca do Sar que Rosalía menciona na súa obra.

A cativada gozou con esta iniciativa na natureza que, ademais, lles permitiu coñecer o lugar de Fondóns, que Rosalía menciona na súa obra ‘En las orillas del Sar’ e na que o Concello de Rois colocou o ano pasado unha placa conmemorativa. Este foi o xerme para poñer en marcha outra iniciativa entre os tres concellos da comarca do Sar para facer realidade a senda amiga Rosalía nos camiños, que se inaugurará oficialmente o vindeiro 21 de maio cunha andaina popular.

O mércores pola mañá, coincidindo co Día de Rosalía de Castro, o alcalde de Rois, Ramón Tojo, xunto ao de Padrón, Antonio Fernández, e Dodro, Xavier Castro, e ao presidenta da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, facíanlle unha homenaxe floral a escritora diante da súa estatua no Espolón de Padrón e presentaban a ruta Rosalía nos Camiños.

Ao rematar, Ramón Tojo achegouse ata o multiúsos de Rois para facerlles unha visita ao alumnado e profesorado do obradoiro de emprego Xuventude en Acción e repartir as primeiras libreta conmemorativa do Día de Rosalía. Ramón Tojo interesouse polo traballo que están a desenvolver as mozas e mozos da comarca que se están formando no deseño de páxinas web e animounos a seguir traballando. Ao rematar a visita, todos se fixeron unha foto de recordo diante do mural coa figura en musgo de Rosalía sempre viva qeu Camilo Seira creou na entrada no multiúsos.