Todos os veciños e veciñas que se achegaron hoxe venres pola Casa Consistorial foron agasallados cunha cunca de barro e co folleto ‘Caldo de gloria’, que recolle a iniciativa da Fundación Rosalía de Castro inspirada no poema Miña casiña, meu lar, no que a escritora homenaxeada dá a receita dun caldo humilde e amosa como se pode ser feliz con moi pouco. Unha exposición e actividades na biblioteca, onde tamén se entregaron tazas pola tarde, completan a celebración da xornada. A obra de Rosalía de Castro (Santiago de Compostela, 1837- Padrón, 1885) vai ligada indisolublemente ao val do río Sar. Por isto, o Concello de Rois considera de máxima relevancia a promoción da súa figura con eventos coma o Día de Rosalía, que se vén celebrando xa desde hai semanas na localidade co programa de actividades que desenvolve a biblioteca. Unha exposición no multiusos con obras da autora e obradoiros de contacontos con actividades sobre literatura, música e artes plásticas foron os principais atractivos desta programación, centrada na infancia. Os nenos e nenas crearon un gran debuxo co rostro de Rosalía que ilustra a mostra. En canto ao agasallo que o Concello fai a todos os veciños que se acheguen polas súas instalacións, trátase dun folleto co célebre poema Miña casiña, meu lar, no que Rosalía describiu a receita para facer un caldo humilde e saboroso, que ben se pode tomar para estrear a cunca de barro que complementa o regalo.