O auditorio municipal de Rois acolleu este mércores, 17 de xaneiro, unha actividade de formación sobre o Club de Debate, unha actividade organizada polos departamentos de normalización lingüística de varios concellos, entre os que figura Rois. O certame ten por obxectivo promover e valorar o uso oral do galego, o espírito crítico, a tolerancia e o traballo en equipo na mocidade.
Profesorado e rapazada chegados de Carballo, Santa Comba, Val do Dubra, Ames, Santiago, Teo e Rois adquiriron nocións e consellos sobre habilidades comunicativas, sobre a procura de información e documentación para o debate e sobre a estruturación do argumentario e as técnicas de refutación. A xornada tamén incluíu un simulacro de debate para poñer en práctica as aprendizaxes adquiridas.
Entremedias, o Concello de Rois agasallou ás persoas asistentes a un chocolate con churros e tanto o alcalde, Ramón Tojo, como a concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, sumáronse ao evento, dialogando cos asistentes e demostrando o apoio do Concello de Rois a iniciativas formativas como esta.
Club de Debate 2024
O Club de Debate é un proxecto promovido por Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega que aglutina os servizos de normalización lingüística de 19 concellos. No certame participan alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º de bacharelato, ou cursos equivalentes dos ciclos formativos, dos concellos participantes.
A fase clasificatoria da edición de 2024 celebrarase no concello de Santa Comba os días 27, 28 e 29 de febreiro. Nesta primeira etapa, o tema a debate, con posturas a favor e en contra, leva por título “Débense prohibir os teléfonos móbiles nos institutos?”.
Os equipos que logren clasificarse para a fase final debaterán o 13 de abril nunha xornada que terá lugar en Val do Dubra.