- O festival celébrase este sábado, 28 de xullo, no campo da festa de San Mamede de Rois
- Pepe Vaamonde Trío e Virandeira encabezan o cartel
- Participan as agrupacións locais OCT Chorima, Pandeireteiras de Ermedelo e Repeniqueiras de Uldilde
- Un trail, unha andaina, xantar popular e xogos completan o programa, que ocupará toda a xornada
Grandes referentes da música folk do país e agrupacións tradicionais locais protagonizan este sábado 28 de xullo a primeira edición do Festival NaturFest, que se celebra durante todo o día en no campo da festa da igrexa parroquial de San Mamede de Rois. A cita leva a aparellada unha programación de actividades paralelas coas que se pretende poñer en valor o gran potencial cultural e paisaxístico do municipio. As actuacións de Pepe Vaamonde Grupo e Virandeira, pola noite, serán os pratos fortes da xornada.
O programa do día empezará ás 10.00h coa saída dun trail (14,5 quilómetros) e unha andaina non competitiva (14 quilómetros), que levará aos participantes boa parte da mañá. A música comezará ás 13.30h coa actuación de dúas agrupacións locais de música tradicional. Actuarán as Repeniqueiras de Urdilde, un grupo de vinte mulleres de Rois que recuperan cancións tradicionais e que veñen de gravar o seu primeiro disco, A pandeireta na man. Tamén ofrecerán os seus temas no NaturFest as Pandeireteiras de Ermedelo, formación nacida no seo da Asociación de Mulleres Rurais desta parroquia roisense.
Contra as 14.00h haberá un xantar campestre, e desde as 17.00h xogos para o público de menor idade. Ás 18.00h comezará un festival folclórico coas actuacións da Asociación Folclórica San Xiao do Trebo, de Cariño, e de OCT Chorima. Esta última leva xa máis de vinte anos divulgando o patrimonio musical galego da man do seu director, Martín Agrasar, recollendo sobre o terreo tesouros etnográficos que merece a pena conservar e gozar.
Encabezan o cartel da noite Pepe Vaamonde Trío e Virandeira, dúas formacións punteiras na música de raíz galega. Os concertos comezarán ás 21.00h coa actuación de Virandeira, banda viguesa que fusiona rock e sons celtas. Chegan a Rois presentando o seu segundo disco, Metamorfose, e cun novo espectáculo visual co que se complementa unha música moi persoal.
A seguir, actuará o grupo encabezado polo gaiteiro Pepe Vaamonde, que leva trece anos sobre os palcos, acumulando máis de 200 concertos e catro traballos discográficos. No último deles, titulado Nas pedras do lar, o conxunto tentou mostrar a gran potencia do seu directo, no que se fusionan a música tradicional galega con sons doutras latitudes.
NaturFest xorde da unión de dúas citas musicais estivais que se viñan celebrando no municipio nos últimos anos: o Chorima Naturfest, organizado polo Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima; e o Rois Arrasa!!!, promovido polo Concello. O alcalde, Ramón Tojo, explicou na presentación do festival que este pretende “situar a Rois outra vez como lugar importante da comarca para a promoción cultural e poñer en valor o patrimonio local”.
O NaturFest está organizado polo Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima e polo Concello de Rois, en colaboración coa Consellería de Cultura da Xunta, coa Deputación da Coruña e coa Axencia Galega de Industrias Musicais (Agadic) a través do programa ‘Cultura no Camiño’.
#RoisNaturFest é o hashtag elixido para promocionar o festival nas redes sociais.