Pola tarde, alumnado e profesorado asistiu ao ensaio da Orquestra do Liceo, durante o cal tanto o xoven Xoel Cristobo, á percusión, como o director da EMUS de Rois, Manuel Villar, se animaron a integrarse na orquestra, como anticipo do que pode pasar o venres no concerto que ofrecerán ambas as dúas formacións. A continuación foron os cinco representantes de Chorima os que estiveron preparando o seu repertorio, mentres os cantantes da EMUS empezaban tamén a repasar as cancións que interpretarán tanto o xoves como o venres. Durante este ensaio foron os estudantes italianos Samuele Molinari, co saxo, e o percusionista Stefano Topan quen se animaron a practicar cos de Rois a canción “Se chove”.