• Os membros da expedición visitaron a praza de San Marcos, o puideron ver instrumentos da época barroca no Museo da Música
  • A visita ao gran teatro La Fenice sorprendeu aos membros da expedición pola súa maxestuosidade

28-05-2018. Venecia. A praza de San Marco, a máis emblemática de Venecia, o teatro La Fenice, o Museo da Música e a Galería da Academia foron hoxe os puntos que visitou a expedición de Rois durante o seu segundo día de intercambio na localidade italiana. Unha intensa xornada na que tamén houbo tempo para que a xuventude de Rois e os alumnos do Liceo da Música de Venecia tivesen uns minutos para compartir piano e interpretar diferentes pezas xusto despois do xantar. Un anticipo do que será a xornada do martes, na que comezarán os ensaios conxuntos, pola tarde, para os concertos que galegos e italianos van ofrecer o mércores e o venres.

Unha xornada intensa a de hoxe que comezou coa estadía na praza de San Marco, onde os asistentes puideron coñecer algo máis da historia de Venecia, que completarían máis tarde coa visita ao Museo da Música, na que se conservan instrumentos antigos, como algúns violonchelos de 1650 e outros da época barroca, e un mural explicativo no que aparece a figura dun músico tocando algo similar á gaita galega.

Pero sen dúbida, o que máis chamou a atención de pequenos e maiores foi a visita ao gran teatro de La Fenice, o máis importante de Venecia e tamén un dos mellores de Italia, construído no século XVIII. O teatro está adicado exclusivamente á música, conta con 1.500 localidades e foi reconstruído dúas veces despois de ser devastado por outros tantos incendios. Algo ao que alude o seu propio nome, como a ave Fénix que rexurdíu das súas propias cinzas.

Despois de xantar, tocou visitar a exposición sobre “Canova, Hayez e Cicognara, a última gloria de Venecia” na galería de arte da localidade italiana.

Entre tanto, e aproveitando o momento do xantar, o alumnado de Rois tivo ocasión de relaxarse tocando o piano e cantando, algo ao que tamén se animaron os mozos italianos, que incluso invitaron aos galegos a asistir a unha das clases no Liceo Musical e a facer os primeiros ensaios informais.

Uns ensaios conxuntos que continuarán mañá, martes, pola tarde para preparar os concertos que tanto o alumnado da Escola Municipal de Música de Rois como os do Liceo Musical e o Instituto Comprensivo Franca Ongaro ofrecerán o mércores e o venres como parte deste primeiro intercambio que promoveu o Concello de Rois coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude.

Despois, no mes de setembro, será o alumnado dos dous centros italianos o que devolva a visita a Rois, para afondar nesta iniciativa que pretende establecer lazos comúns entre a xuventude galega coa de outros países europeos, para facer máis Europa.