Preto de 150 de nenos e nenas expuxeron o aprendido nas escolas deportivas e culturais no acto de clausura do curso 2021-22 que se celebrou onte en Rois e esta mañá en Urdilde.

A exhibición deportiva de onte no polideportivo de Rois contou con exhibicións de patinaxe artística, baile moderno, ximnasia rítmica, tenis e iudo. O alcalde, Ramón Tojo, e o concelleiro Manuel Cobas, entregáronlles a cada participante nas escolas deportivas un chaveiro elaborado pola Asociación Amipa.

E mentres no pavillón dos Dices se celebraban as actividades deportivas, no salón de actos do multiúsos celebrábase a clausura das actividades culturais. O alumnado das clases de inglés fixeron diferentes actuacións e, ao rematar, recollían o diploma acreditativo e o agasallo que lles entregou a concelleira Victoria Quiroga. O alumnado das clases de teatro, cociña, e informática tamén recolleu os seus diplomas; e o de xadrez, os seus trofeos.

O público presente puido contemplar a exposición con algún dos traballos realizados no Multiobradoiro de arte e creatividade que dirixiu Camilo Seira. Tanto no pavillón como no auditorio deuse cita numeroso público para aplaudir aos participantes nas exhibicións.

Hoxe pola mañá toucoulle a quenda ao alumnado de Urdilde. Numeroso público puido constatar os avances da rapazada en iudo, patinaxe artística, inglés e baile durante as exhibicións que realizaron no polideportivo de Urdilde. Ao rematar, o alcalde entregoulles un agasallo conmemorativo.As fotografías da clausura poden consultarse no facebook do Concello (preme aquí).