• Grupos de Valongo (Portugal), do Xelmírez I de Santiago e de Rois representarán catro obras de venres a domingo

23-05-2018. O auditorio municipal de Rois acolle esta fin de semana a primeira mostra de teatro escolar afeccionado TeatROIS. As compañías da Escola Secundaria de Valongo (Portugal), Vai no dentista (do IES Xelmírez I de Compostela) e os grupos de teatro roisenses Vacalouras e Teatro do Porviso porán en escena catro obras entre o venres 25 e o domingo 27 de maio. A entrada é gratuíta e debe retirarse ata media hora antes de cada función.

O grupo de teatro municipal Vacalouras será quen inaugure a mostra coa representación de Aprendiza de bruxa, o venres ás cinco e media da tarde. O elenco está dirixido desde os seus inicios, hai sete anos, por María Ordóñez, veciña de Rois e actriz profesional de Talía Teatro. Nesta peza a bruxa Curuxa, castigada polos seus pais, ten que facer unha boa acción que consiste en convivir cos humanos.

Tamén o venres, ás oito e media da tarde, o grupo de teatro Vai no dentista, do IES Xelmírez I (Santiago de Compostela), presentará a obra En pé de guerra, baixo a dirección de Daniel Baamonde. Trátase dunha adaptación de Pin, pan, clown de Tomás Afán e Pic-nic de Arrabal.

Dende Portugal chega o grupo de teatro da Escola Secundária de Valongo, que o sábado ás 20.30 horas porá en escena Não é por lá, é por aqui, unha homenaxe ao teatro do absurdo cun complexo e cómico diálogo entre as personaxes que impele á reflexión.

O domingo, ás 20.30 horas, o Teatro do Porviso, grupo de teatro musical do CPI dos Dices (Rois), pechará TeatROIS coa obra A taberna do Chato. Serán dúas horas de puro ritmo, con voces en directo e coreografías sobre unha ecléctica selección musical que vai de Radiohead ou Estremoduro ata El Dúo Dinámico ou Leonard Cohen, pasando por Bee Gees ou Christina Aguilera, entre outros. Con estas bases, o alumnado amosará os distintos estereotipos sociais que pasan por unha taberna dunha aldea galega a través dos ollos de Manuel José, ‘O Chato’.