Rois celebra este 25 de decembro coa emisión do tradicional concerto de Nadal da Escola Municipal de Música. As dificultades para organizar un espectáculo presencial este ano levárono a decidir a súa gravación para difundilo a través da canle de Youtube do Concello.
O concerto, gravado canción a canción o pasado 19 de decembro cumprindo cos protocolos sanitarios, presenta un repertorio variado para chegar a todos os públicos. Fai un percorrido por pezas navideñas, populares e grandes éxitos convertidos xa en clásicos e remata coa ‘Habaneira do Camiño’, un broche final que vén moi ao caso cando acabamos de saber que xa é oficial a ruta de Muros-Noia que pasa polo municipio de Rois.
Neste concerto participa alumnado e profesorado de música e movemento, linguaxe musical, o dúo de acordeóns e o conxunto de percusión. Tamén actúan os conxuntos instrumentais A e B, e o conxunto de profesores, que remata o concerto interpretando a ‘Habaneira do Camiño’. Durante os 35 minutos deste concertos interprétanse, entre outras, pezas como ‘Tocando cascabeis’, ‘O Apalpador’, ‘Like it’s Christmas’, ‘Oye como va’, ‘Fisterra’, ‘The final Countdown’ ou ‘Quizás, quizás, quizás’.
O Concello de Rois quere felicitar a alumnado e profesorado polo gran traballo realizado e anima a toda a veciñanza a desfrutar do inmenso talento do que podemos presumir. Cabe lembrar que a Escola Municipal de Música marcou este curso un récord de inscrición con máis de 80 persoas matriculadas.