• O alumnado do municipio sumarase á celebración do Día da Muller participando nun concurso de carteis

  • O certame artístico e literario servirá para conmemorar o Día do Libro e o Día das Letras Galegas

  • Debuxantes afeccionados poderán facer as súas propostas para a imaxe das festas do Santo Isidro Labrador

 

O Concello de Rois vén de facer pública a convocatoria de tres certames culturais para os vindeiros meses: o concurso de carteis do Día da Muller, o certame artístico e literario e o concurso de carteis do Santo Isidro Labrador. Trátase de tres certames con tradición no municipio do Sar e abertos á participación tanto de escolares como de adultos, segundo o caso.

O máis próximo no tempo é o Concurso de Carteis do Día da Muller, que está aberto á participación de todo o alumnado dos centros educativos do concello de Rois. Esta actividade busca concienciar mediante a expresión plástica e artística sobre os dereitos da muller e da nena, a plena participación da muller e a erradicación da discriminación baseada no sexo. O prazo de presentación finaliza o luns 16 de marzo.

Como vén sendo habitual nos últimos anos, a imaxe oficial das festas patronais de Rois sairá do Concurso de Carteis das Festas do S. Isidro Labrador. Neste certame poden participar persoas maiores de 14 anos. As técnicas a utilizar son libres, se ben a temática está clara: enxalzar o municipio de Rois e as súas festas. Cada participante poderá presentar dous traballos, que terán formato vertical. Deberán entregar a proposta en tamaño A3 antes do martes 14 de abril, por correo postal ou na casa consistorial. O premio que o Concello outorgará ao gañador é de 120€

Canto ao Certame artístico e literario de relato breve e poesía, a súa convocatoria serve para celebrar tanto o Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor (23 de abril) como o día das Letras Legas (17 de maio). Pode participar todo aquel que o desexe, sen límite de idade, establecéndose diferentes categorías: ata 6 anos, 7 e 8 anos, de 9 a 11, de 12 a 14, de 15 a 17 e maiores de 18 anos.

Os traballos deberán incorporar algún elemento característico do concello de Rois, ademais de estar escritos en galego, ser orixinais e inéditos e ter un máximo de dez folios no caso de narrativa e de entre 10 e 60 versos os poemas. As persoas que non manexen a lectoescritura e os máis pequenos, na categoría de ata seis anos, poden presentar un debuxo. O prazo de entrega de orixinais (na casa consistorial ou no edificio multiúsos) remata o luns 20 de abril, e os premios, que se entregarán en maio, consisten nun lote de libros para as categorías de menor idade e premios en metálico para as categorías de máis de 15 anos.

As bases de cada un destes certames poden consultarse nos documentos anexos a esta nova.