• O pleno apoia por unanimidade a iniciativa presentada pola veciñanza de Angueira de Castro

  • Pídeselle a Xunta que mentres tramite a solicitude paralice temporalmente a autorización á liña de alta tensión

  • PP e BNG apoian a moción popular para o 8-M pedíndolle a Goberno e Xunta un plan de igualdade de oportunidades, contra a brecha salarial e impulsar

  • O Concello instará ao Goberno central a aboar a débeda pendente con Galicia

 

O Concello de Rois aprobou hoxe por unanimidade unha moción solicitándolle á Xunta de Galicia que inicie con urxencia os trámites para declarar ben de interese cultural (BIC) o Castro Lupario e todo o seu entorno, e que, mentres se resolve, paralice o procedemento de autorización administrativa da liña de alta tensión Lousame-Tibo, que pasa por esta zona. Deste xeito, o pleno apoia a iniciativa presentada pola veciñanza de Angueira de Castro. Ademais da mocións socialista, na sesión de hoxe tamén se aprobaron dúas do equipo de goberno, unha co apoio do BNG referente ao 8-M, solicitándolle ao Goberno central e á Xunta por en marcha plans de igualdade, de redución da brecha salarial e de fomento das carreiras científicas entre as alumnas. Na outra, o PP local pídelle ao Goberno central que salde a débeda pendente con Galicia (ver o vídeo íntegro da sesión neste enlace).

A Corporación de Rois apoiou por unanimidade a moción socialista para que tanto o Castro Lupario como o seu entorno sexa declarado ben de interese cultural, unha iniciativa que consideran é a forma de paralizar o trazado da liña de alta tensión de 220.000 voltios Lousame-Tibo que pasará pola zona. A proposta xa foi presentada pola veciñanza de Angueira de Castro, e agora conta co respaldo unánime da Corporación.

Así mesmo, o Concello de Rois vaille pedir á Xunta que, mentres se tramita este expediente, se paralicen o procedemento de autorización administrativa para a liña de alta tensión.

O alcalde, Ramón Tojo, que recentemente acompañou á veciñanza de Angueira de Castro a unha reunión co director xeral de Enerxía da Consellería de Industria, resaltou que dende o Concello xa se encargara unha revisión arqueolóxica da zona e manifestou o seu convencemento de que tanto as xestións feitas ata o momento como as alegacións presentadas contra o trazado “van polo bo camiño”.

Ao igual que fixo o BNG, Ramón Tojo, considera que apoiar a peticións da veciñanza vai resultar positivo para preservar o Castro Lupario e o seu entorno, e para evitar que a liña de alta tensión pase pola zona.

Por outra banda, a moción do equipo de goberno local relativa ao 8-M, no que se pide ao Goberno central que poña en marcha un novo plan estratéxico de igualdade de oportunidades para dar cumprimento a axenda 2030; impulsar un pacto nacional para a conciliación laboral e impulsar as vocacións tecnolóxicas (STEM) entre as alumnas, foi aprobada co apoio do BNG e o voto en contra do PSdeG. Á Xunta solicítaselle por en marcha medidas para fomentar a igualdade retributiva das mulleres en todos os ámbitos, que fomente entre as mulleres  vocacións  STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) e tamén programas de alfabetización dixital.

En solitario, o PP aprobou a moción para reclamarlle ao Goberno central que abone a débeda pendente con Galicia pola devolución do IVA de 2017, apoiando así a reivindicación da Xunta de Galicia. Neste punto o BNG recordou que xa en anteriores ocasións lle solicitaron ao presidenta da Xunta que recorrese a vía xudicial, e optou por absterse na votación. O PSdeG votou en contra ao considerar que ese problema deriva dun cambio da normativa que aplicou o ministro popular Montoro e que os prazos xa prescribiron.