Cartel de Divernadal 2023

O Concello de Rois abre o prazo de inscrición para as actividades de conciliación e ocio do Divernadal, dirixido a nenos e nenas a partir de 4º curso de Educación Infantil. As familias interesadas poden solicitar praza cubrindo o formulario que se atopa neste enlace. O prazo de inscrición remata o mércores 22 de novembro.

Ademais de axudar a conciliar a vida laboral e familiar, o Divernadal ofrece un espazo de ocio e aprendizaxe para a cativada durante as vacacións de inverno. Desenvolverase entre o venres 22 de decembro e o xoves 4 de xaneiro (agás os festivos) en  horario de 9.30 a 14.30 horas. Pode ampliarse co servizo de amencer, que comeza ás 7.30 horas.

A inscrición debe realizarse antes do mércores 22 de novembro cubrindo o formulario que se atopa na páxina web municipal, neste enlace. O prezo do Divernadal completo é de 60€ sen amencer e de 75€ con este servizo; mentres que as familias que opten por días soltos deberán abonar 10€ por día ou 12€ por día no caso de que tamén desexen o servizo amencer.

O Divernadal contará con prazas limitadas e terán preferencia os/as menores con empadroamento en Rois.

Bonificacións do Divernadal 2023-2024

Co obxecto de fomentar a participación no programa de conciliación familiar, persoal e laboral, así como coa finalidade de contemplar as diferentes casuísticas socioeconómicas das familias ás que vai dirixido o programa, o Concello de Rois establece as seguintes bonificacións non acumulables:

  • 15% na matrícula dun segundo irmá/n.
  • 20% na matrícula de nenos/as de familias numerosas, monoparentais ou menores con discapacidade recoñecida.