Victoria Quiroga, concelleira de Cultura de Rois, entrega un dos premios do certame Youtubeiras

Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de nove concellos, entre os que está Rois; das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación en galego no YouTube con temáticas e formatos diversos celebrou o sábado 17 de febreiro sábado no Teatro Principal de Santiago a gala de entrega dos seus premios.

A concelleira de Cultura de Rois, Victoria Quiroga, entregou un dos premios do certame, nunha gala que estivo conducida por Nuria Vil e Gabri Fuentes e que contou coa actuación de Mondra. Ao longo da noite, Youtubeiras entregou os oito galardóns nos que se divide o certame, todos eles acompañados cunha dotación económica de mil euros, agás o premio do público, que conta con 500 euros.

O premio Canle recoñeceu este ano a OU Ké! O xurado escolleu a esta Canle pola «súa profesionalidade, a súa calidade técnica e o seu coidado na estética», así como polo seu «impacto», pola súa «integración entre os medios de comunicación» e «pola súa pluralidade de voces».

O premio Youtubeira foi para Recuncho Gamer. O xurado salientou a súa ampla «actividade en todas as redes», a súa «orixinalidade» e a súa vontade de «incorporar referentes doutros ámbitos no mundo dos videoxogos para lle dar maior visibilidade».

O premio Youtubeira Revelacion recaeu en O faiado Podcast. O xurado puxo en valor a súa capacidade parar «xerar espazo para a cultura pop en galego» e «chegar ás xeracións máis novas». Tamén subliñou a súa aposta por «crear un universo transmedia con presenza nas tres redes empregadas pola mocidade (instagram, tiktok e youtube)».

O premio Vídeo distinguiu a peza Unha fin de semana en Londres, da canle todomalva Gz. O xurado destacou a súa capacidade para «transmitir tanta intimidade nun vídeo», así como a súa «orixinalidade no formato e a construción do relato».

O premio Calidade Lingüística levouno olaxonmario. O xurado recoñece na acta a súa «capacidade de difusión» e a súa «conexión coa lusofonía. Tamén valora «o coidado da lingua» e «a conservación dos trazos dialectais».

O premio Pioneiro distinguiu a FicaCoabola. O xurado gabou a «entrega e dedicación» desta canle para «xerar contidos e crear comunidade» ao redor da actualidade deportiva local.

O premio Rede foi para Youtube en Galego por ser, a ollos do xurado, «unha canle feita para dar a coñecer e fortalecer as relacións entre persoas creadoras». Nese senso, o xurado enxalzou o seu traballo anovador ao impulsar «un tecido asociativo arredor do youtube en galego».

Por último, o premio do público acadouno Savia Nova. O xurado decidiu ratificar o vídeo máis votado proposto polo público: De Galicia a Namibia estudando guepardos. Na acta do xurado, «púxose en valor a calidade técnica, o impacto e a orixinalidade do tema tratado».

Estes foron os premiados nun ano no que aspiraban 18 canles finalistas. Nesta edición, na que participaban vídeos subidos entre novembro de 2022 e novembro de 2023, presentáronse 68 canles diferentes. A esta cifra cómpre sumarlle os 24 vídeos propostos pola audiencia a través das redes sociais. En cómputo xeral, todos os vídeos subidos neste período polas 68 canles concorrentes representan máis de 32.400 minutos en galego en Youtube.

O xurado desta edición estivo conformado por Nee Barros, quen levou o Premio Youtubeira na edición anterior e que se define como divulgadore cultural, escritore e youtubeire; Fátima Souto Muñiz, exbolseira do Servizo de Normalización do Concello de Ames; Irene Pin, creadora audiovisual; Rodri Míguez, xornalista musical e membro de equipos de comunicación de festivais e artistas, e Belén Puime, creadora de contido audiovisual a través do perfil @pringadas.serie tanto en TikTok como en Instagram.

Foto de familia dos premiados e premiadas en Youtubeiras