O Día de Rosalía está á porta e o Concello de Rois celebrará esta data tan especial cunha serie de actividades pensadas para homenaxear a figura da gran poeta galega no 187 aniversario do seu nacemento. Ao longo do mes de febreiro, os veciños e veciñas de Rois terán a oportunidade de participar nun concurso en redes para lembrar o legado de Rosalía de Castro e celebrarán a Rosalía coa restauración do novo mural vexetal de Camilo Seira no edificio multiúsos. O propio 23 de febreiro, o Concello de Rois repartirá marcapáxinas e promoverá novamente a degustación do “Caldo de Gloria” nos establecementos hostaleiros do municipio. Tamén se instalará un photocall na biblioteca municipal dedicado á escritora.
Concurso en redes
Unha das iniciativas máis destacadas é a convocatoria a través das redes sociais baixo os cancelos #RoisconRosalía e #DíadeRosalía. O Concello anima a todas as persoas a compartir contidos relacionados coa poeta, desde lecturas dos seus versos ata reflexións sobre a súa obra, e así participar no sorteo de dous lotes de produtos artesanais realizados polo Centro Ocupacional Amipa.
A participación estará aberta dende o 19 ata o 29 de febreiro, ambos os dous incluídos, tanto en Facebook como en Instagram, rendéndolle así homenaxe á escritora nun espazo tan amplo como é a rede. Para optar ao premio cómpre acompañar a publicación nas redes sociais dos cancelos #RoisconRosalía e #DíadeRosalía.
Mural vexetal
Unha actividade que encherá de vida o edificio multiúsos de Rois é a restauración do mural vexetal dedicado a Rosalía de Castro e elaborado polo escultor local Camilo Seira. Este mural, que desde 2020 lles dá a benvida a todas as persoas que se achegan a estas instalacións municipais, será unha fermosa lembranza da influencia duradeira da poeta na cultura galega e unha forma de dar a coñecer a nenos e nenas tanto a Rosalía como a biodiversidade que hai en Galicia.
Degustación de caldo de gloria
O “Caldo de Gloria” é unha iniciativa da Fundación Rosalía de Castro inspirada no poema Miña casiña, meu lar, no que se relata a épica diaria da supervivencia. O 23 de febreiro, os establecementos participantes na campaña ofrecerán de balde unha tapa de caldo e regalaranlle á súa clientela un marcapáxinas de Rosalía como recordo deste día tan especial.
A Taberna Angueira, a Taberna Casa Benjamín, o Hotel Camiño do Mar, o Mesón A Casiña, a Casa rural Fogar do Selmo, o Café-bar A Lúa, o Bar O Pemento, o Café-bar Rafa, o Club de golf Val de Rois e a Taberna Venezuela únense así á homenaxe á poeta.
Ademais, en colaboración cos centros educativos roisenses, repartiranse manteis e marcapáxinas entre os máis pequenos, implicando así ás novas xeracións na preservación e na valoración do legado de Rosalía de Castro. O Concello regalaralles tamén manteis e marcapáxinas ás persoas usuarias do centro de día de Urdilde e da asociación Amipa.
Marcapáxinas
Para que ningún veciño ou veciña de Rois esqueza este día, o Concello ten previsto o repartimento de marcapáxinas de Rosalía nas oficinas municipais e no edificio multiúsos, ademais de nos locais de hostalaría e centros educativos. Estes obsequios recollerán uns versos do poemario Follas novas, para recordar a importancia da escritora no patrimonio literario galego.
Recortable
Engadindo ás actividades previstas para o Día de Rosalía, o Concello de Rois ofrécelle á xente a oportunidade de explorar a súa creatividade con algo moi especial: un recortable coa cara de Rosalía. Este material, dispoñible para descarga nesta ligazón, pode utilizarse como máscara, como base para elaborar grinaldas, para facer un colaxe ou mesmo para decorar as fiestras; as opcións son infinitas.
Ademais, pódense compartir as creacións nas redes sociais cos cancelos #RoisconRosalía e #DíadeRosalía e participar no sorteo dos produtos de Amipa.
O propio venres 23 de febreiro, a biblioteca municipal disporá de copias deste recortable para distribuír entre as persoas que queiran celebrar o gran legado da poeta galega.
Photocall na biblioteca
Alén das actividades xa mencionadas, o Concello de Rois tamén ofrece unha oportunidade única para que os veciños e veciñas deixen a súa pegada no Día de Rosalía. Na biblioteca de Rois, a partir do propio día 23 de febreiro, estará dispoñible un photocall dedicado á autora.