Os montes da Peruca acolleron o pasado domingo, 9 de febreiro, a celebración do IV Mushing Concello de Rois, unha cita organizada pola Asociación de Cans Deportistas (ACADE) e puntuable para a Liga Galega de Mushing da Federación Galega de Deportes de Inverno. A chuvia acompañou aos deportistas e aos seus cans durante toda a xornada, dificultando a realización do percorrido de catro quilómetros e medio para os adultos e 1.700 metros para as categorías infantís. O alcalde de Rois, Ramón Tojo, e o concelleiro de Educación, Xuventude e Deportes, Martín del Río, presidiron a entrega de trofeos ao finalizar a proba.

Na modalidade de canicross, que con máis de vinte corredores foi a máis disputada, resultou vencedor Óscar Piñeiro Pérez. Este deportista do club Kennel DEN fixo un tempo de 11 minutos e 29 segundos, o que lle serviu para revalidar o título obtido o ano pasado nos montes de Seira. O segundo en alcanzar a meta foi Fernando Pérez Fernández, do SenBal Team; mentres que o terceiro posto da categoría foi para Mónica Touriño Ferreirós, tamén do Kennel DEN. O podio da categoría infantil de canicross estivo encabezado por Alba Buján Miguéns, seguida de Estela Corbacho Zamisova e María González Méndez.

Outra das modalidades disputadas no Mushing de Rois foi a de bike-joring, en bicicleta. Roberto Salvado Tejedor, de ACADE, cun tempo de 9 minutos e 33 segundos, obtivo o primeiro posto. Tras el chegaron á meta Luis Pérez Suárez, tamén de ACADE, e Alberto Villanueva Comesaña, do Club Canicross Vigo.

Por último, na modalidade de patín, que se disputa en patíns unidos por correas, gañaron Fernando Pérez Fernández e Mónica Touriño Ferreirós, en adultos; e Sabela Redondo Laíña, en infantil.

Enlaces de interese: