O Pleno da Corporación de Rois aprobou hoxe por unanimidade dúas mocións presentadas pola concelleira do BNG nas que se solicita a rebaixa de peaxes e a transferencia da AP9 a Galicia, e que tanto Goberno central como Xunta poñan en marcha as medidas necesarias para evitar o peche de oficinas bancarias, sobre todo no rural, o incremento de comisións e o despido de traballadores. Ramón Tojo volveu insistir en que o goberno local está acometendo xa procesos de consolidación de postos de traballo no Concello para rexeitar a moción do grupo socialista.

Begoña Ares recordou na moción sobre a AP9 que o Parlamento galego xa aprobara por unanimidade reclamar a transferencia da autoestrada a Galicia, e que a rebaixa das peaxes xa debería terse aplicado nesta vía, porque é importante para a economía da nosa comunidade e tamén para Rois.

Na réplica, o alcalde, Ramón Tojo, recordoulle ao BNG que na época do bipartito na Xunta, no ano 2008, votara no Parlamento de Galicia en contra da reclamación da transferencia da AP9 a Galicia, e que  na actualidade está apoiando en Madrid a un goberno que permitiu que esta autoestrada teña a maior subida de peaxes de toda España. “Dende o PP queremos a transferencia da autoestrada a Galicia, motivo polo que apoiaremos a moción”.

O PSdeG tamén apoiou a moción, solicitando que se faga a transferencia con garantías, e aproveitou a postura do BNG para recriminarlle a falta de apoio aos orzamentos deste ano no Congreso dos Deputados. A proposta foi aprobada por unanimidade.

O recorte de servizos bancarios no rural, con peche de dúas oficinas en Rois, e a redución de horario de atención na que queda de Abanca en Antequeira, así como o incremento das comisións bancarias, foron dous dos argumentos da moción que presentou o BNG solicitando que se tomen medidas para evitar deterioro destes servizos no rural.

Ramón Tojo recordou que este é un problema global e que dende o Concello fíxose e farase toda a forza posible para que Rois siga contando con oficinas bancarias para darlle servizo a veciñanza. “Estamos e seguiremos traballando para que non se reduzan servizos bancarios á veciñanza”, asegurou o alcalde. No mesmo senso se manifestou o portavoz socialista, Manuel Regueira, que lle pediu ao Concello que siga reclamando que non se reduza o horario da única oficina que hai no municipio. A proposta aprobouse por unanimidade.

Respecto da moción socialista para consolidar os postos de traballo no concello, Ramón Tojo volveu recordar que foi o PP, dende que el accedeu á alcaldía en 2007,  o que fixo o primeiro proceso de funcionarización no Concello, “un proceso no que vostedes votaron en contra”, díxolles aos grupos da oposición. Tojo asegurou que o goberno local xa fixo un proceso de consolidación de postos de traballo e que está falando cos traballadores para seguir nesta liña. “Xa estamos facendo este proceso, polo que esta moción non ten sentido”, dixo o alcalde. Na votación, a proposta foi rexeitada cos votos en contra do equipo de goberno (7) e a favor da oposición (3 do PSdeG e 1 do BNG).

Respecto da petición socialista para iniciar un expediente que analice as actuacións que se poidan acometer para mellorar a seguridade viaria na estrada provincial que pasa pola Meana á altura do cruzamento coa estrada local, o alcalde replicou que o Concello vai poñer unha sinal prohibindo aparcar nese cruzamento, para mellorar a visibilidade na estrada. “Na zona hai visibilidade, salvo nesa curva perigosa que ten a estrada da Deputación”, dixo Tojo. O grupo popular votou en contra (7) e a oposición a favor (4), polo que a moción foi rexeitada.