Rois xa ten cartel para as festas do Santo Isidro Labrador do presente ano 2021. A orfebre Sonia Ares, veciña da parroquia de Liñares, resultou vencedora do concurso que o Concello promoveu para elixilo. Actuaron como xurado a concelleira de Cultura Victoria Quiroga, en representación do alcalde; a profesora de plástica nos Dices Susana Rodríguez Alamparte; a fotógrafa Lara Barreiro e a estudante de deseño gráfico Estela Otero.

O programa de festas elaborouse pensando nas restricións sanitarias por causa da pandemia da covid-19. Contará con actividades deportivas, música, maxia e, por suposto, a tradicional misa solemne en honor ao santo.

O sábado 15, o propio día do Santo Isidro, a veciñanza poderá gozar a través da canle de Youtube do Concello dun concerto virtual ofrecido polo alumnado da Escola Municipal de Música de Rois. A partir das 16:30, o auditorio municipal acollerá un espectáculo de maxia de Dani Polo. A misa solemne, pola súa parte, terá lugar ás 18:00 na igrexa parroquial de San Mamede. A xornada festiva rematará co concerto de Queiman e Pousa ‘Un verso, un cantar’, que comezará ás 19:00 horas no campo da festa de Rois.

O domingo 16, o ilusionista Dani Polo volverá coa súa maxia ao auditorio de Rois ás 19:30 horas. Para asistir a esta representación, tanto sábado coma domingo e por limitacións de aforo, é preciso reservar entradas entre o 10 e o 14 de maio no número de teléfono 981 81 60 61.

Competicións deportivas

O programa do Santo Isidro préstalle atención á especialidades deportivas con gran tradición dentro do municipio. Así, chegará á súa cuarta edición o torneo de Enduro Concello de Rois. Desenvolverase sábado 15 e domingo 16 con saída e chegada no Galipark e paso por terreos de Oín, Cornes, Sorribas, Reibó, Vilar de Abade e San Miguel de Costa.

O seguinte sábado, día 22 de maio, tocaralle a quenda á celebración da XIII Andaina por Parellas Concello de Rois. As persoas participantes comezarán a saír ás 16:30 horas do pavillón dos Dices. As inscricións faranse no correo electrónico www.andainabisbarradosar.com e teñen un custo por parella de dez euros.

A resolución da alcaldía nomeando o xurado pódense consultar no documento adxunto.