O verán chega a Rois cargado de actividades culturais e de ocio para toda a veciñanza, que poderá gozar de máis de trinta citas festivas, deportivas e artísticas entre xuño e setembro. Programas como Cultura Dispersa, Cultura no Camiño ou Cóntame un mundo entretécense con actividades deportivas e de ocio ao aire libre dando lugar a unha ambiciosa e variada programación deseñada polo Concello para gozar de Rois nos meses de estío.
A Programación de Verán 2023 combina espectáculos escénicos con actividades de promoción da vida activa ou de posta en valor da tradición oral do territorio, co obxectivo de chegar a todas as parroquias do municipio e de satisfacer a público de todas as idades. Conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
No calendario de xuño conviven os actos de peche do presente curso coa apertura da tempada de baño e outras citas no exterior. Así, os dous primeiros concertos de fin de curso da Escola Municipal de Música de Rois tiveron lugar na pasada fin de semana do 17 e 18 de xuño, se ben aínda queda por celebrarse o recital do sábado 24 de xuño ás 19.00 h no auditorio municipal. Tamén haberá unha festa de clausura das actividades municipais infantís, o mércores 21 pola mañá en Urdilde e pola tarde en Rois.
Canto ás actividades de ocio ao aire libre, a praia fluvial de Seira estará aberta ao baño dende hoxe, luns 19 de xuño, ao 30 de setembro, mentres que a piscina municipal de Senra abrirá as súas portas o sábado 24 de xuño. Ata o 15 de agosto, o horario será de luns a domingo de 16.00 a 21.00 horas; e de 16.00 a 20.30 horas entre o 16 de agosto e o 10 de setembro, tamén de luns a domingo.
En xuño botará a andar o Cultura Dispersa, un programa que levará a música a todas as festas parroquiais grazas á colaboración do Concello coas asociacións veciñais. Arrincará co espectáculo Camiños do fado de Iria Estévez, o día 24 ás 21.00 h no local social de Costa. Tamén en xuño comezará Cultura no Camiño, o programa da Xunta de Galicia que achega as artes escénicas a municipios do itinerario xacobeo. Ao abeiro deste ciclo, Títeres Cachirulo presentará Xela contra o dragón Traga-verbas o venres 30 no auditorio municipal.
Completan a programación de xuño outras actividades vencelladas á tradición. Primeiramente, o campo da festa de Urdilde acollerá un encontro de palilleiras o sábado 24 ao longo de todo o día. Por outra banda, Rois é un dos oitos municipios galegos elixidos para formar parte do proxecto Cóntame un mundo, que pon no centro a transmisión oral entre as distintas xeracións e agrupacións sociais locais. As primeiras accións desenvolveranse o luns 26 de xuño e consistirán nun foro de recollida oral con persoas maiores ás 10.00 h no multiúsos e nun obradoiro de narración ás 19.00 h no local das mulleres rurais de Urdilde. Con posterioridade, o xoves 29 de xuño, pequenos e maiores están convidados a participar no interxeracional Encontro da palabra que terá lugar no campo da festa de Urdilde a partir das 19.00 horas.
As accións de Cóntame un mundo continuarán en xullo cunha sesión de contacontos e recollida dirixida ás crianzas participantes no Diververán. Finalmente, o broche de ouro deste programa porao a realización dun Roteiro da memoria, o venres 28 de xullo ás 7 da tarde, no que as historias de vida recollidas serán os puntos a seguir nun percorrido polo territorio local.
O mes de xullo estará marcado no deportivo pola celebración do XVII Torneo de Fútbol-7 Interparroquial e no cultural polo concerto da Escola de Música de Rois, o venres 14 ás 19.00 horas no auditorio. No apartado máis festeiro, Cultura Dispersa presentará a Charanga Mil9 en Herbogo o domingo día 2 ao mediodía; o rock de Homeless en Leroño o 16 de xullo á noitiña; e o Dúo Charada en Ribasar o mércores 19 pola noite. Ademais, a Rede de dinamización lingüística traerá ao auditorio de Rois a representación de O Furancho a cargo de Ibuprofeno Teatro, o venres 7 ás 21.00 h.
Non faltarán tampouco en xullo os espectáculos para público familiar, como os que trae o ciclo Cultura no Camiño o venres 28: Peter Punk estará con Peor imposible no CEIP O Pumar Urdilde ás 11.00 h e Magín Blanco e a Banda das Apertas actuarán pola tardiña na carballeira de Sorribas. Xa no mes de agosto, o programa cultural das rutas xacobeas presentará a Eva Comesaña con Terra firme en Ribasar (venres 11 no campo da festa) e a Barafunda Teatro con Do maxín á realidade en Rois (venres 25 no CPI Os Dices).
Polo que respecta a Cultura Dispersa, cinco son as actuacións que ofrecerá en agosto: o grupo Os Centenarios dará a alborada o domingo 6 pola parroquia de Augasantas; a Banda de Música de Padrón actuará o luns 7 á saída da misa en Rois; fará o propio a Banda de Música de Lousame o venres 11 en Seira; o Dúo Acherizados amenizará a festa en Oín o xoves 17; e, por último, a música de OCT Chorima soará en Urdilde o domingo 20 de agosto.
Xa en setembro, Cultura Dispersa estará nas festas de Ermedelo con Xoldra, o domingo día 3; en Buxán con Discoteca Móbil, o sábado 16 á noitiña; e en Sorribas con OCT Chorima, o domingo 17. Por outra banda, a exposición itinerante Pacto Verde Europeo poderá visitarse no edificio multiúsos de Rois do venres 8 ao venres 22 de setembro. Unha performance artística, o mércores 13 ás 19.00 h, servirá para inaugurar esta mostra. En setembro chegará tamén unha cita das máis consolidadas no calendario deportivo local: o XVIII Día da Bicicleta, con saída na Casa do Concello a partir das 15.30 h.
Setembro rematará coa primeira das actuacións teatrais do Outono cultural. Será con Malasombra Teatro e a súa obra SOS, o sábado 30. Seguiraos a Asociación Cultural e Teatral O Pedroso, que o sábado 7 de outubro porá en escena O boleto premiado; Talía Teatro o sábado 14 coa obra Unha inimiga do pobo; e o Club de Maiores de Boqueixón, o sábado 21, presentará Un morto moi vivo. Todas as funcións serán no auditorio municipal ás 19.00h.
O folleto da Programación de Verán 2023 do Concello de Rois pode descargarse neste enlace.