Concurso de entroido en liña. Rois 2022

Un ano máis Rois volverá celebrar o entroido en liña cun concurso de disfraces aberto á participación de toda a veciñanza e que terá como premios vales que se poderán canxear en establecementos locais. As persoas que queiran participar só terán que gravarse co seu disfraz e enviar o vídeo, que terá unha duración máxima de dous minutos, por correo electrónico. O prazo de inscrición péchase o venres 4 de marzo. A novidade da presente edición centrarase no desenvolvemento de Talleres Entroideiros para axudar as familias a elaborar os complementos dos seus disfraces.

Por segundo ano consecutivo, e por causa da covid, o Concello de Rois decidiu susbstituír o habitual desfile de entroido por un concurso de vídeos en liña co obxectivo de evitar os contaxios ao tempo que se mantén a tradición e ademais se promociona o comercio local agasallando vales para gastar en tendas, restaurantes e todo tipo de establecementos e servizos do municipio.

No concurso establécense tres modalidades: individual, parellas e grupo (formado por tres ou máis membros). Dentro de individual haberá cinco categorías en función da idade (persoas nadas antes do 2006, nadas entre o 2007 e o 2009, nadas entre o 2010 e o 2015, nadas entre o 2016 e o 2018 e nadas entre o 2019 e o 2020) e outras tres no caso das parellas (cando as idades dos dous participantes suman ata 20 anos, 30 ou 31 anos o u máis).

O importe total dos premios para os gañadores é de 1.200 euros. Cada unha das categorías de individual e parella optan a primeiro e segundo premio (de 40 e 30 euros, respectivamente, para os gañadores en solitario e de 60 e 40 euros para os dúos). Entre as comparsas repartiranse tres premios: un primeiro de 300 euros, un segundo de 200 euros e un terceiro de 100 euros.

O xurado, formado por entre 3 e 5 persoas, valorará aspectos como a orixinalide e a creatividade na confección dos disfraces e a posta en escena. O nome dos gañadores darase a coñecer o 9 de marzo na web do Concello de Rois.

Poderán inscribirse, nunha soa categoría, todas as persoas que o desexen. Para iso, haberán de cubrir o formulario de inscrición e subir o seu vídeo como comentario á publicación do FB na que se anuncia o concurso ou mandalo por correo a inscricions@rois.gal. A data límite é o venres 4 de marzo, incluído. Cada vídeo terá un título, que deberá figurar tanto na folla de inscrición como no comentario cando se publique a gravación coa fin de que poida ser identificado polo xurado.

A oferta da presente edición do Entroido aumenta este ano coa celebración dos chamados Talleres Entroideiros, nos que as familias terán a oportunidade de elaborar os complementos para os seus disfraces. Os obradoiros desenvolveranse nos pavillóns de Rois e de Urdilde o sábado 26 de febreiro entre as 11 da mañá e as 2 da tarde. A inscrición, gratuíta, debe facerse ata o luns 21 de febreiro mandando un correo a inscricions@rois.gal, no que constarán nome, apelidos, idades e teléfono de contacto dos participantes.