Charlas sobre a prevención e detección do abuso infantil

O Concello de Rois organiza unhas xornadas formativas sobre prevención e detección do abuso infantil dirixidas a profesionais vencellados coa infancia. Persoal docente dos centros educativos do municipio, monitorado deportivo e das actividades de tempo libre, así como persoal técnico municipal, está chamado a participar en catro charlas que, con carácter gratuíto, impartirán profesionais da entidade sen ánimo de lucro Amino.gal no mes de novembro.

O obxectivo destas xornadas é realizar unha formación básica sobre como detectar e como actuar ante posibles casos de violencia ou abuso sexual nas persoas menores. Co propósito de dotar de ferramentas de protección á infancia a profesionais con diferentes perfís, realizaranse catro charlas.

A primeira das accións formativas vai destinada ao persoal técnico deportivo, monitorado e dirección de actividades de tempo libre, con preferencia para as persoas empadroadas en Rois. Será o martes 2 de novembro de 19.00 a 21.00 h no auditorio municipal de Rois. Máis adiante, os martes 9 e 16 de novembro, as charlas irán destinadas a persoal docente dos centros educativos de Rois. Por último, o persoal técnico municipal dos concellos de Dodro, Padrón e Rois, especialmente o relacionado co departamento de Servizos Sociais, participará na última das charlas, que se desenvolverá o venres 19 de novembro no auditorio municipal de Rois entre as 10.00 e as 14.00 horas.

A formación correrá a cargo de Amino.gal, unha entidade sen ánimo de lucro formada por un grupo de profesionais de diferentes ámbitos vinculados coa infancia e coa adolescencia e especializada na detección e prevención do ASI (Abuso Sexual Infantil).

A matrícula é gratuíta con inscrición previa, que poderá realizarse enviando un correo electrónico a inscricions@rois.gal no que se indique a xornada á que se desexa asistir, nome e apelidos, perfil profesional, data de nacemento, enderezo, DNI e teléfono de contacto. O Concello de Rois emitirá un certificado de asistencia.

Esta acción formativa conta co financiamento a entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, dentro do Programa de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia. Trátase dunha operación financiada pola Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo (FSE), como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.

O programa pode descargarse no arquivo adxunto.