Ábrese o prazo para solicitar praza no programa Xuntos polo Nadal. Concello de Rois.

Ata o 30 de novembro está aberto o prazo para solicitar praza no programa Xuntos polo Nadal, que permite que as persoas maiores de 60 anos que vivan soas en Galicia poidan pasar acompañadas estas datas tan significativas.

Das 526 prazas dispoñibles en toda Galicia, un total de 280 resérvanse ás persoas solicitantes das provincias da Coruña e Ourense, que poderán gozar dunha semana de estancia na residencia de tempo libre de Nigrán, en Pontevedra de xeito gratuíto. O programa inclúe aloxamento en habitación compartida, comidas, actividades de animación sociocultural e autobús ata Nigrán. Para as persoas da comarca, o autobús partirá dende Santiago e o traxecto entre o domicilio particular e o punto de saída correrá por conta do interesado.

A semana de estadía elixirase entre dúas quendas: unha, que vai do 22 ao 29 de decembro e outra que abrangue entre o 31 de decembro e o 7 de xaneiro.

Os requisitos para poder participar no programa son ter 60 anos cumpridos, estar empadroado nun concello galego, vivir só e ter que pasar só as datas de Nadal, valerse por si mesmo e estar vacinado contra a Covid. Terán preferencia as persoas que perdesen recentemente o seu cónxuxe ou persoa convivente, teñan máis idade e non participaran en Xuntos polo Nadal en anteriores edicións.

As solicitudes, que poden presentarse ata o luns 15 de novembro, presentaranse preferiblemente por vía electrónica cubrindo o formulario PR004 dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

O formulario e toda a información relativa ao programa atópase dispoñible na seguinte ligazón: https://politicasocial.xunta.gal/gl/recursos/plans-e-programas/xuntos-polo-nadal-2021.

No caso de precisar máis información ou axuda, as persoas interesadas poden chamar ao número de teléfono gratuíto 900 333 666 ou dirixirse ao departamento de servizos sociais do Concello.