• Ramón Tojo asinou o acordo cos alcaldes de Pastzó, Kalonda e a unión dos distritos de Naxos e Taormina diante de veciños dos catro países

  • A iniciativa forma parte do proxecto “Unindo experiencias para unha mellor cidadanía europea”

  • A delegación visitante mantivo encontros coa Dirección Xeral de Xuventude, co Parlamento de Galicia e co Concello de Padrón

Rois, 17-11-2017. O alcalde de Rois, Ramón Tojo Lens, e os seus homólogos de Pastzó (Hungría), Kalonda (Eslovaquia) e da unión de municipios dos distritos de Naxos e Taormina (Italia) asinaron onte xoves o protocolo de irmandamento entre as institucións dos catro países que facilitará unir experiencias para unha mellor cidadanía europea. O obxectivo último deste programa é o de estimular a participación democrática e cívica dos cidadáns, fortalecer o sentido de pertenza a Europa e o diálogo multicultural.

No acto oficial, que tivo lugar o xoves pola tarde no auditorio municipal de Rois, Ramón Tojo resaltou a importancia deste irmandamento para “fomentar a tolerancia, a non discriminación e a colaboración entre concellos que presentan distintas realidades entre os socios europeos”. Tojo agradeceu a presenza en Rois de todos os membros das delegacións europeas, así como a dos alcaldes de Padrón e Dodro, que tamén se sumaron ao acto.

O alcalde de Rois adiantou que presentarán máis proxectos europeos “para que mozas e mozos dos catro municipios poidan seguir compartindo experiencias”. Tojo resaltou a importancia de traballar xuntos para conseguir importantes avances, e puxo como exemplo todo o que acadou a Mancomunidade Terras de Iria, “polo que a Xunta de Galicia nos deu un premio á cooperación”. Tojo concluíu a súa intervención manifestando que “é unha honra que Europa nos estea mirando neste momento”.

Pola súa banda, a alcaldesa Erdélyi Erzsébet asegurou que aínda que Kalonda (Eslovaquia) é un concello pequeno “podemos irmandarnos cun país que non fale o noso idioma. En todo caso, a asociación amósase no espírito da humanidade”. Para Erzsébet, non é a lingua a que conecta ás persoas e aos pobos, “senón o respecto mutuo e a apreciación de que podemos entendernos, podemos amosar a nosa cultura e a nosa entidade, mesmo con método non verbais”.

O vicealcalde de Pásztó (Hungría), Attila Farkas, agradeceulle ao alcalde de Rois e aos representantes dos outros concellos por tomar a iniciativa que permitiu a cidadáns de catro países “reunirse a aprender sobre proxectos exitosos así como discutir sobre o futuro de Europa”. Farkas, que dixo unhas palabras en castelán, agradeceu “esta lexendaria hospitalidade galega que puidemos observar durante esta visita”.

O alcalde de Gallodoro e representante dos concellos de Naxos e Taormina, Alfio Filippo Currenti, explicou que esta mancomunidade de municipios siciliana ten no turismo unha das súas fontes de riqueza, e tamén agradeceu a hospitalidade dos veciños de Rois durante os actos de irmandamento.

Diante de numerosos veciños, os representantes municipais asinaron o protocolo de irmandamento que permite estreitar lazos entre todos eles. O acto contou coas actuacións da Escola Municipal de Música de Rois e do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima.

Cea multicultural

Rematado o acto oficial de irmandamento, e tras escoitar o himno galego que interpretaron membros da Escola de Música de Rois, os asistentes desprazáronse ao Hotel Scala para participar nunha cea multicultural con mozos e mozas doutros países europeos. Alí, cada delegación amosou unha representación dos produtos típicos da súa terra, que despois puideron compartir mentres intercambiaban experiencias.

Neste acto, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, participaron delegacións de España, Italia, Georgia, Azerbaiyán, Alemania, Eslovaquia, Rusia, Moldavia, Hungría e Malta.

Visita a Padrón e á Casa Museo de Rosalía

Durante a xornada de onte, e antes do acto, a delegación de 25 persoas formada por representantes dos catro países visitantes, puido coñecer Padrón, onde foron recibidos polo alcalde, Antonio Fernández Angueira, e visitaron a Casa Museo Rosalía de Castro.

Durante a súa estadía en Galicia, representantes de Rois acompañaron á delegación á visita coa directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e tamén á sede da empresa Aluminios Cortizo (que conta cunha fábrica en Eslovaquia), á sede da Asociación Amipa e ao centro de día de Rois, que forma parte da rede de centros de maiores da Xunta de Galicia.

Este proxecto de intercambio artéllase ao redor do tema da participación cidadá nunha Europa activa mediante o intercambio de experiencias, o compromiso social, intercultural e voluntario e a promoción da solidariedade. Preténdese estimular a participación cívica no proceso de formulación de políticas da Unión Europea, o mecanismo de democracia directa e as experiencias cidadás como factor de desenvolvemento para a cidadanía activa.

Un dos obxectivos que persegue esta iniciativa é fomentar a participación xuvenil na vida democrática da UE co fin de dar a coñecer as moitas oportunidades que a cidadanía europea proporciona e achegando a xuventude a institucións europeas para garantir o forte sentido do proxecto transnacional.

Entre os obxectivos do proxecto destacan: sensibilizar sobre os valores comúns; promover a tolerancia e a loita contra todo tipo de discriminación nas comunidades locais; apoiar a cooperación entre os socios de diferentes realidades europeas; contribuír a mellorar a comprensión da UE e a súa diversidade por parte dos cidadáns.

Cómpre destacar que nos 3 últimos anos foron aprobados 676 proxectos do “Programa Europa dos Cidadáns”, 16 dos cales lle foron concedidos a España, 4 deles correspóndese con Galicia, entre os que está o de Rois, que hoxe asinou o protocolo oficial de irmandamento con concellos de Hungría, Eslovaquia e Italia.