A entrega do I Premio extraordinario do Día da Muller á física local Eva González Noya centrou os actos de conmemoración do 8M no Concello de Rois. Con esta homenaxe que serviu para pechar este venres a programación conmemorativa do Día da Muller, o goberno local quere recoñecer a partir de agora o traballo que veñen desenvolvendo as mulleres do municipio en diferentes ámbitos.
O auditorio municipal acolleu os diferentes actos nunha xornada na que a concelleira de Servizos Sociais, Mercedes Basante, leu o manifesto institucional do Concello de Rois e se entregaron os premios do concurso de carteis ao alumnado dos centros educativos. Os traballos presentados a este certame están expostos no propio edificio multiúsos de Rois.
Eva González, galardoada
O momento máis emotivo da tarde foi a entrega a Eva González do Premio extraordinario do Día da Muller na súa primeira edición. Cunha longa traxectoria como física investigadora en universidades de diferentes países, a física desprazouse directamente dende Madrid para estar presente no acto e agradecer de primeira man o galardón ao alcalde de Rois, Ramón Tojo Lens, a Corporación municipal e a toda a veciñanza.
Eva González é científica titular en Madrid no Instituto de Química-Física Rocasolano, do Centro de Investigacións Científicas (CSIC). Ten publicados máis de 90 artigos científicos, presentacións en conferencias nacionais e internacionais e dirixido catro teses de doutoramento.
Natural de Rois, estudou primaria e secundaria no CPI Os Dices, e bacharelato no IES Camilo José Cela de Padrón. Licenciouse en Física pola USC, obtendo o premio extraordinario de doutoramento. Foi investigadora postdoutoral na Universidade de Cambridge (Reino Uno) e na Complutense de Madrid entre 2004 e 2009. Dende entón traballa no Instituto de Química-Física Rocasolano do CSIC. En 2011 e 2012 foi investigadora visitante na Universidade de Chicago (EEUU).
Entre as súas investigacións, Eva González menciona unha sobre o estudo da materia utilizando simulacións por ordenador, para ver, por exemplo, como medra o xeo dependendo da temperatura e da presión, e como se poden obter novos materiais a partir de nanopartículas.
Eva recibiu como agasallo un ramo de flores e unha estatuíña obra do escultor local Camilo Sieira.
Lectura do manifesto
Mercedes Basante, Concelleira de Servizos Sociais, foi a encargada de ler a declaración institucional do Concello de Rois con motivo do 8M. O manifesto fixo fincapé en que “aínda que nós vivamos no primeiro mundo, a nosa sociedade presenta tamén eivas”. “A conciliación da vida laboral e familiar; a igualdade laboral e salarial; a participación e a toma de decisións nas esferas económica, política, cultural ou científica son indicadores que, aínda hoxe en día, apuntan a unha realidade que dista moito de ser igualitaria”, engadiu a edil.
Mercedes Basante chamou a atención ademais “sobre a violencia de xénero”, unha “violencia que sufrimos polo mero feito de seremos mulleres”. “Calquera de nós, das nosas fillas, nais, amigas, etc… pode ser vítima. Como comunidade, deberemos estar moi alerta na detección do maltrato e, do mesmo xeito, saber que é o noso deber denunciar estas situacións en vez de mirar cara a outro lado”.
A Concelleira de Servizos Sociais rematou o manifesto “animando as veciñas e os veciños de Rois a seguir esforzándose cada un dos 365 días do ano para que a igualdade sexa real e efectiva, para que nós, como comunidade dun pequeno concello sexamos, en definitiva, máis xustas e xustos”.
Gañadores do concurso de carteis ao alumnado dos centros educativos
A entrega dos premios do concurso de carteis ao alumnado dos centros educativos do concello tamén formou parte este venres dos actos do 8M. A Escola infantil A Galiña Azul de Rois gañou na categoría de 1º a 3º de Educación Infantil. Pola súa banda, Alma Suárez e Vera Iglesias, do CPI Plurilingüe Os Dices, foron primeira e segunda, respectivamente, na categoría de 5º de Educación Infantil. En 6º premiouse ao alumnado do CEIP Plurilingüe O Pumar Urdilde levando o segundo premio Manuel Eiras, do CPI Plurilingüe Os Dices.
Ademais, o alumnado do CEIP Plurilingüe O Pumar Urdilde gañou nas categorías de 3º e 4º de Primaria e as alumnas do CPI Plurilingüe Os Dices Rois, Amelia Miguéns e Celtia Ínsua, quedaron primeira e segunda na categoría de 5º e 6º.
O OCT Chorima foi o encargado de pechar o acto cunha actuación musical.