Begoña Castro, Lois Carnota, Samuel Grela, Alberto Neo e Manuel López gañan o certame literario do Concello de Rois

O multiúsos recobrou onte pola tarde a actividade, adaptada ás restricións vixentes, na entrega dos premios dos certames artístico e literario e do concurso de carteis do Santo Isidro convocados polo Concello de Rois.  O alcalde, Ramón Tojo, e a concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, foron os encargados de entregarlles os galardóns a case unha ducia de gañadores que amosaron un gran nivel nas súas creacións.

A tarde iniciouse coa estrea da obra de teatro E agora qué?, representada polo grupo infantil de Teatro Vacalouras, e continuou coa entrega dos galardóns do certame artístico e literario convocado para celebrar o Día do Libro e o Día das Letras Galegas. En narrativa, Begoña Castro alzouse co primeiro premio da categoría E (persoas nadas ata o ano 2003) coa súa obra Nas uñas, nas mans ou nos pés, mentres que Marcos Dios fíxose co segundo grazas ao seu traballo A teima de Telma. Levaron, respectivamente, 100 e 50 euros cada un.

En categoría D (persoas nadas entre os anos 2004 e 2008) resultou gañador Lois Carnota con Un gran detective, facéndose cos 60 euros do premio. Por último, Samuel Grela e Alberto Neo, coa narración O asasino de Sar, quedaron primeiros, e Mara Xiana Espinosa, con O boli máxico, foi segunda clasificada na categoría C e foron agasallados cun lote de libros. Ao rematar a entrega, Samuel e Alberto agradecéronlle publicamente ao seu mestre Martín “o apoio para mellorar o texto e axudarnos a darlle máis profundidade”.

Canto a poesía, Patricia Maneiro recolleu o primeiro premio en nome de Manuel López, que se proclamou gañador da categoría E co seu poema SaltónsMarta Labarta quedou segunda, con Confinada. Tamén quedou segunda en categoría D Carmen Vidal con Volveremos festexar.

Por último, na modalidade de debuxo, Marina Vidal acadou o primeiro premio co traballo Letras de Rois e Xiao Miguéns fíxose co segundo con A xirafa do zoo

O xurado, reunido o pasado xoves 17 de xuño, estivo formado por Inmaculada Seage, técnica de normalización lingüística de Rois; Lois Gil, profesor de Filosofía no IES Camilo José Cela de Padrón e veciño de Rois; e María Jesús Senín, vicedirectora e profesora de galego no IES Camilo José Cela. 

Begoña Castro, Lois Carnota, Samuel Grela, Alberto Neo e Manuel López gañan o certame literario do Concello de Rois

No que se refire ao concurso de carteis, recolleu o premio a orfebre Sonia Ares. O seu deseño foi o elixido para anunciar o pasado mes de maio as Festas do Santo Isidro 2021.

O alcalde, Ramón Tojo, agradeceu a todos os participantes a súa implicación nos certames, e animounos a seguir escribindo e debuxando.  Tamén tivo palabras de agradecemento para aos artistas que participaron no taller de arte e creatividade.

Antes da entrega de premios, as persoas asistentes puideron gozar da representación de teatro E agora que? a cargo do grupo infantil de teatro Vacalouras, que foi moi aplaudida. Tamén tiveron a oportunidade de ver unha recompilación dos traballos que fixeron os participantes no obradoiro de arte e creatividade que impartiu o escultor Camilo Seira. A exposición permanecerá aberta nestes días no Multiúsos. 

Begoña Castro, Lois Carnota, Samuel Grela, Alberto Neo e Manuel López gañan o certame literario do Concello de Rois