A Xunta de Galicia vén de convocar unha liña de subvencións para o pagamento do alugueiro destinadas a axudar a aquelas persoas arrendatarias que se visen afectadas pola crise económica da Covid-19 e non poidan facerlle fronte aos recibos, xa sexa de forma parcial ou total.
Estas achegas son de axudicación directa e teñen carácter finalista, é dicir, que só serven para cubrir o alugueiro. Ten que ser da vivenda habitual e permanente do inquilino e a súa familia e o recibo non poderá exceder dos 500 euros mensuais. A subvención outorgarase por un máximo de seis meses.
Ademais, as persoas solicitantes deberán ter un contrato de alugueiro dun ano, estar empadroadas nesa vivenda, atoparse ao día do pagamento nas tres últimas mensualidades anteriores ao primeiro mes para o que se pide a axuda ou atoparse en situación de vulnerabilidade económica porque quedou no paro, se lle aplicou un ERTE, tivo que reducir a xornada ou sufriu outras circunstancias que lle supuxeran unha perda substancial de ingresos por causa da Covid-19.
Todos os requisitos e indicadores económicos recóllense no DOG do 6 de abril, así como os formularios que hai que cubrir ou a documentación que debe adxuntarse. As solicitudes faranse preferiblemente por vía telemática e resolveranse por orde cronolóxico de presentación. O prazo estará aberto dende hoxe, 7 de abril, ata o 30 de setembro.
As persoas interesadas poderán obter a documentación ou información adicional sobre esta convocatoria nas áreas provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo, na sede electrónica da Xunta (código de procedemento VI432E) ou no número de teléfono 012 de atención á cidadanía.