Rois reiniciará o vindeiro martes 6 de abril as actividades deportivas de xeito presencial, tanto para escolares como para adultos. As actividades desenvolveranse en grupos reducidos de catro persoas máis o monitor.

Logo de que  durante os últimos meses se desenvolvesen en liña debido ás distintas restricións por causa da pandemia, o departamento de Deportes do Concello de Rois anuncia a reanudación na modalidade presencial das escolas deportivas e das actividades deportivas para maiores á volta das vacacións de Semana Santa.

Dentro das Escolas Deportivas Municipais, retomaranse judo, ximnasia rítmica, patinaxe artística e tenis. Xadrez, como vén ocorrendo desde principios de curso, continuará impartíndose en liña.

En canto ás actividades deportivas dirixidas a persoas adultas, volverá a haber clases de pilates, zumba e ioga nos pavillóns polideportivos dos Dices-Rois e Pumar-Urdilde.

Para garantir a seguridade dos participantes, as actividades realizaranse en grupos reducidos de catro alumnos máis o monitor, o que obrigou a facer reaxustes. Adáptanse así as restricións vixentes, que marcan un máximo de catro persoas para a actividade físico deportiva en interiores e para a práctica de non federados.

O Concello de Rois agradece o traballo e a implicación que amosaron durante todos estes meses monitores, clubs e empresas que imparten as actividades.