Lela e Los niños quieren la paz son dous dos temas incluídos no concerto que alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música de Rois e da ESO do CPI Os Dices van ofrecer o vindeiro mércores en Letonia, durante o intercambio que inician o luns en Rezekne District. Esta mañá, o grupo ofreceu este mesmo repertorio no auditorio municipal de Rois emocionando ao público presente.

O alcalde, Ramón Tojo, explicou que estes intercambios internacionais da Escola Municipal de Música teñen por obxectivo ofrecerlle ao alumnado e profesorado a posibilidade de coñecer outras realidades e outras culturas para seguir enriquecéndose. “Estas accións sempre repercuten na cidadanía”, afirmou Ramón Tojo, engadindo que estas iniciativas promovidas polo goberno municipal “axudan a Rois a estar presente en Europa”.

Os concertos previstos o mércores na Malta Music School e na Vilani Music School inclúen dúas cancións letoas que interpretarán conxuntamente a comitiva roisenses e os anfitrións, e rematará cos himnos de Galicia e Letonia.

A comitiva partirá de Rois o luns a primeira hora, e regresará o venres pola noite. Durante a súa estadía en Letonia, poderán coñecer as dúas escolas de música coas que fan o intercambio, a zona de Rezekne District e a capital do país, Riga.

Para esta viaxe, o Concello de Rois entregoulle a cada membro da expedición unha camiseta da firma local Máis que Mamás, “que inclúe un deseño da profesora de coro cunha clave de Sol e unha clave de Fa, ademais dun corazón para levar o nome de Rois por toda Europa”, segundo explicou o alcalde antes do concerto desta mañá.

Na súa intervención, Ramón Tojo lembrou que o primeiro intercambio da ESMU fíxose en 2018 en Venecia, e, ao ano seguinte viaxaron a Pasztó (Hungriá). Esta visita a Letonia xurdiu no encontro internacional celebrado en novembro pasado en Rois, dentro do proxecto promovido polo Concello “A voces europeas contra o euroescepticismo” e que xuntou representantes dos 27 países da Unión Europea.

O director da Escola Municipal de Música, Manuel Villar, agradeceulle ás familias “a confianza depositada no traballo que se fai na escola” e ao profesorado a implicación para sacar adiante este proxecto, e resaltou que Gabriel Miguéns fixera os arranxos de tres dos temas que forma parte do repertorio desta viaxe.

Da Escola Municipal de Música de Rois participará alumnado, a meirande parte de educación primaria, que se desprazarán acompañados de gran parte do equipo de profesorado da escola e do director da mesma, Manuel Villar. Tamén viaxarán ata Rezekne alumnas e alumnos de educación secundaria do CPI Os Dices Rois, acompañados pola profesora de música e actual xefa de estudios do centro Mireia Pamiés, así como pola concelleira de Cultura Victoria Quiroga e pola xestora cultural Anayansi Singh.

Unha vez rematada a viaxe a Rezekne, á semana seguinte, do 20 ao 24 de setembro, serán os alumnos de Letonia os que viaxarán a Galicia. E no mes de novembro visitarán Rois integrantes da escola de música de Pasztó, segundo adiantou hoxe o alcalde.