O Concello de Rois comezou as obras de acondicionamento para habilitar prazas de aparcamento na finca municipal situada xunto a farmacia de Samil, preto da casa consistorial, na parroquia de Antequeira. Nesta parcela de 6.200 metros cadrados o equipo de goberno quere construír vivenda de promoción e unha zona de lecer para a veciñanza.

Mentres analiza a mellor fórmula para a construción de vivendas de promoción, o goberno local está acondicionando a finca para construír novas prazas de aparcamento, tanto xunto a estrada como no interior da parcela.

A primeira medida é a de retranquear os límites da parcela, para respectar o aliñamento aprobado en pleno co resto de construcións de Samil, gardando a liña coa farmacia e os demais edificios desta marxe da estrada ata a casa consistorial. Este espazo que se vai gañar de beirarrúa dende o límite da estrada AC-301 ata a liña que marcan os edificios, destinarase a prazas de aparcamento. Mentres non se inicia a construción de vivendas e da zona de lecer, tamén se vai permitir o aparcamento de vehículos sobre esta parcela.