Reunión previa para constituir a mesa local de coordinación contra a violencia de xénero en Rois

O Concello de Rois aprobará no pleno do vindeiro luns a creación da mesa local de coordinación contra a violencia de xénero, que se constituirá o 14 de decembro. Este foi o principal acordo que se tomou hoxe nunha reunión entre os diversos colectivos que a conforman e que serviu para definir o seu funcionamento e fixar os primeiros obxectivos. A mesa estará presidida pola concelleira de Servizos Sociais, Mercedes Basante. 

Membros da corporación local, das forzas de seguridade, dos centros educativos e de diversas asociacións do municipio reuníronse esta mañá no salón do plenos da casa consistorial nunha reunión previa á constitución da mesa local de Rois contra a violencia de xénero. 

Esta primeira toma de contacto, que se levou a cabo coa colaboración das técnicas do Centro de Información á Muller Terras de Iria, aproveitouse para sentar as bases dunha entidade que busca actuar de xeito coordinado para darlle unha resposta áxil e eficaz ás vítimas da violencia machista, ademais de promover accións de concienciación e sensibilización cidadá destinadas a erradicala. Abriu a xuntanza o alcalde, Ramón Tojo, e participaron na mesma a concelleira de Servizos Sociais, Mercedes Basante; a concelleira socialista Patricia Ces; persoal municipal de Igualdade, Cultura, Deportes e Servizos Sociais; e responsables do colexio do Pumar, da ANPA dos Dices, de Amipa, do CD Rois, da Asociación de Veciños Aldea Casas do Porto e da OCT Chorima. Na reunión tamén estiveron presentes representantes do GES de Padrón, Protección Civil de Rois, Garda Civil.

Reunión previa para constituir a mesa local de coordinación contra a violencia de xénero en Rois