Comezan obras para mellorar acceso á Chisca, en Rois

O alcalde de Rois, Ramón Tojo, e máis o de Dodro, Xabier Castro, achegáronse hoxe ata a aldea da Chisca para supervisar o inicio das obras de mellora dos accesos a este núcleo da parroquia de Buxán (Rois). As actuacións contan cun orzamento de 65.000 euros financiado pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo dentro do programa para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotación, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais destinados aos concellos de Galicia para o ano 2022.

As obras execútanse conxuntamente polos concellos de Rois e Dodro, e permitirán tapar as fochancas e botar un rego asfáltico de selado na estrada de acceso á Chisca. A previsión e que estean rematadas este mesmo mes.

O Concello de Rois tramitou a solicitude de axuda á Xunta de Galicia, mentres que o de Dodro encargouse da redacción do proxecto, asumindo entre ambos o custe da obra, segundo explicou Ramón Tojo no pleno celebrado en Rois o pasado mes de xullo.